
O Concello de Ribeira vén de poñer en marcha unha reorganización do tráfico na contorna dos Xulgados e das Casas Baratas co obxectivo de gañar fluidez na circulación e aumentar as prazas dispoñibles para o estacionamento de vehículos.
O alcalde de Ribeira, Luís Pérez Barral, informa de que as principais modificacións que se están executando hoxe mesmo son que a Rúa Mariño de Rivera pasará a ser de dobre sentido de circulación, co traslado dos actuais estacionamentos da marxe esquerda á marxe dereita. Este cambio facilitará o acceso tanto aos Xulgados como á sede da Policía Local, mellorando a mobilidade na zona.
Ademais, as rúas Barbanza, Rúa da Feira e Pedro Arias modificarán o seu sentido de circulación. Con esta nova configuración, as persoas residentes e usuarios e usuarias dos servizos públicos poderán optar por saír cara á Avenida Miguel Rodríguez Bautista, como ata agora, ou pola Avenida da Constitución. Esta última opción será posible grazas á apertura dende hoxe mesmo ao tráfico da prolongación da Rúa Barbanza, que discorre por detrás do Novo Auditorio.