Saturday 22 de February de 2025

Os cortes de tráfico polo medio maratón Coruña 21 activaranse desde primeira hora deste domingo 9, cos Cantóns como punto de partida


O Concello vén de habilitar un mapa dixital para consultar as incidencias de mobilidade previstas ao longo da xornada, cos desvíos alternativos

Manuel Vázquez, concelleiro de Deportes, lembrou hoxe que na C21 haberá lebres para cinco ritmos diferentes de carreira, co obxectivo de axudar ás persoas participantes na proba para lograr as marcas que buscan

Só quedan tres días para a disputa do medio maratón da Coruña, que volve este domingo 9 na celebración da súa XVII edición con case 2.000 persoas inscritas na proba e outras tantas na carreira da 5K, que complementa a C21.

Como xa é habitual en eventos deportivos deste calibre, o Concello vén de definir o dispositivo especial de tráfico e seguridade con vistas á xornada, que arrincará na madrugada do sábado ao domingo con cortes nos Cantóns.

Neste sentido, desde as 5.30 horas e ata a finalización da proba —que se prevé, aproximadamente, ás 15.30 horas—, quedará cortado o tráfico nos Cantóns, entre a praza da Mina e a rúa Alcalde Manuel Casas. Que esta medida se execute con dita antelación é fundamental para facilitar a disposición dos servizos necesarios con vistas á carreira, que arrincará ás 9.30 horas desde o Obelisco.
Xa ás 7.30 horas activaranse os cortes previstos en Alfonso Molina e a avenida da Pasaxe. No caso de Alfonso Molina, o acceso á cidade por esta avenida discorrerá por Linares Rivas directamente cara a avenida do Porto. Na avenida da Pasaxe, tamén en sentido entrada á cidade, desviarase o tráfico cara o enlace de Casablanca. Está previsto que ambos os cortes podan levantarse unha vez a proba avance, aproximadamente ás 12.00 horas.
Ademais, ás 9.00 tamén se dará luz verde aos cortes previstos en Juana de Vega, as avenidas da Marina e do Exército, Linares Rivas e Primo de Rivera, Ramón y Cajal, Alcalde Pérez Ardá,Salvador de Madariaga, Alcalde Marchesi e Posse. Todas elas forman parte do percorrido do medio maratón,
Estes cortes, do mesmo xeito que os anteriores, están previstos ata que a proba avance e se retire progresivamente a infraestrutura da carreira.

Un mapa dixitalizado para facilitar a consulta dos desvíos alternativos

Este ano, como novidade, o Concello vén de habilitar un mapa dixital onde as persoas interesadas poderán consultar as principais alteracións ao tráfico previstas este domingo no contexto da C21, así como os desvíos alternativos para o paso de vehículos nas rúas non restrinxidas ou afectadas polo percorrido da carreira.

Ademais, tamén se especifican as bases de BiciCoruña que estarán fóra de servizo este domingo, co gallo da carreira, facilitando, asimesmo, as estacións próximas que sirvan de alternativa.
O mapa, froito da colaboración entre as áreas de Mobilidade, Deportes e Seguridade Cidadá, foi ideado para a súa consulta en dispositivos móbiles. Xa está aberto e dispoñible nesta ligazón.
Haberá lebres para cinco ritmos diferentes de carreira

O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, lembrou hoxe que as lebres volverán ao asfalto da Coruña este domingo 9 de febreiro na XVII edición do media maratón, co obxectivo de axudar ás persoas participantes na proba para lograr as marcas que ambicionan na C21.
Haberá cinco ritmos diferentes de carreira: lebres para ir a 4 minutos por quilómetro (1h25’), a 4:15 (1h30’), a 4:30 (1h35’), a 4:45 (1h40’), a 4:59 (1h45’). Será a firma coruñesa The Cobardes a que equipará ás lebres coa súa roupa técnica de running.

Vázquez subliñou que a Coruña21 pechou a súa inscrición con case 2.000 atletas e a carreira da 5K desbordou as súas previsións, con 1.987 participantes previstos. Todas e todos eles sairán ás rúas da cidade este domingo, a partir das 9.30 horas.