Monday 10 de March de 2025

Rafael García Climent expón ata fin de mes na galería do Concello de San Sadurniño


A galería da Casa do Concello de San Sadurniño exhibe desde hoxe, e durante todo o mes, as obras de Rafael García Climent, pintor ferrolán do barrio de Canido que tivo querencia polo debuxo e a pintura desde pequeno, aínda que non foi ata hai pouco máis dunha década cando se meteu a fondo coa súa paixón. Discípulo de Manuel Carballeira, García Climent tira polo realismo figurativo, aplicado no seu caso á representación de persoas en distintos contextos e situacións, maioritariamente en paisaxes urbanas onde se plasman momentos da vida diaria da xente corrente. Escenas das que calquera pode ser protagonista e coas que calquera se pode identificar.

“A miña afección pola pintura é algo recente. Sempre souben que me gustaba, pero as miñas obrigas profesionais non me permitían pintar. De maior atopei oco e probei e vin que non o facía tan mal. Desde hai dez anos estou pintando e é unha afección que me está gustando moito”, explicaba García Climent mentres decidía a estrutura da exposición que pode visitarse en San Sadurniño.

O que hai na galería da casa consistorial é só unha pequena parte da súa extensa obra pictórica, realizada na súa maioría coa técnica do óleo sobre lenzo ou táboa, aínda que duns dous anos a esta parte tamén está apostando pola acuarela “coa que me sinto tamén moi cómodo”.

Quer cos óleos, quer coas acuarelas, Rafael García Climent exprésase cun estilo “realista, figurativo e de temas urbanos” co que se enxalza o valor do cotián e a busca da captura do instante.

Poderemos percorrer a obra de Rafael García Climent ata finais deste mes de febreiro nos horarios de apertura das oficinas municipais, é dicir, desde as 8:30 ata as 14:00h de luns a venres.