O documental, resultado dunha iniciativa promovida polo Rio Natura Monbus Obradoiro coa colaboración de Turismo de Galicia, relata a experiencia vivida polo recoñecido ex-xogador da NBA Terry Porter no Camiño de Santiago
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou na presentación do documental resultado do proxecto solidario “El Camino acaba en Obradoiro” que trouxo a Galicia ao ex xogador da NBA, Terry Porter, para realizar a Ruta Xacobea cun fin solidario.
A través desta iniciativa, promovida co obxectivo de promocionar o Camiño de Santiago a nivel internacional, a estrela mundial de baloncesto converteuse nun peregrino máis para percorrer as seis etapas do traxecto que une Sarria con Santiago de Compostela, completando o último tramo do Camiño Francés.
Durante o acto de presentación, que tivo lugar na Cidade da Cultura, a directora de Turismo de Galicia explicou que o documental mostra, a través da experiencia vivida polo ex-xogador de baloncesto, o patrimonio tanto natural como cultural de Galicia así como os seus costumes e tradicións e por suposto, a súa tan venerada gastronomía e o carácter acolledor da nosa comunidade.
Neste senso, Nava Castro sinalou que o filme dará a coñecer tanto o Camiño de Santiago e os seus valores como a nosa comunidade como destino nun país estratéxico para a Ruta Xacobea, os Estados Unidos.
Segundo afirmou a responsable de Turismo da Xunta trátase do terceiro país estranxeiro de onde máis peregrinos realizan o Camiño de Santiago ao recoller a súa Compostela no pasado ano un total de 13.670 peregrinos estadounidenses.
A directora de Turismo de Galicia asegurou que o documental de Terry Porter será un gran reclamo e converterase nun importante elemento captador de turismo internacional como o foi no seu día a película The Way ou o best seller de Paulo Coelho El Peregrino.
Incremento dos peregrinos internacionais
A responsable de Turismo da Xunta sinalou que con iniciativas como este documental estase a contribuír coa tendencia de crecemento dos peregrinos estranxeiros, que no pasado ano supuxeron máis do 53% do total contabilizándose 178 países de orixe distintos.
Segundo sinalou Nava Castro, no que vai de ano foron xa 1.800 os peregrinos estranxeiros que selaron a súa Compostela, o que “mostra a gran capacidade do Camiño para atraer turistas a nivel internacional”.