Monday 10 de March de 2025

Ribeira porá en valor a contorna litoral da Ameixida


Hoxe adxudicouse unha intervención que porá en valor a contorna do litoral da Ameixida que na actualidade conforma unha superficie continua con pavimento de aglomerado asfáltico, destinada fundamentalmente ao estacionamento de vehículos, sen diferenciar espazos de tránsito rodado e peonil. Apréciase tamén a existencia dunha construción, que será derrubada e ademais unha rede de servizos como a recollida de augas pluviais que será renovada. Actualmente tamén se carece de espazos verdes e axardinados.

Segundo informou o alcalde, Luís Pérez, o obxectivo da actuación é crear un espazo de uso e desfrute da veciñanza na liña litoral e mellorar a integración ambiental e paisaxística desa zona.
Para acadar a mellora da contorna litoral da Ameixida, redistribuirase o espazo existente e substituiranse os pavimentos actuais por materiais novos, duradeiros e máis acordes coa paisaxe da zona.
“É unha actuación integral coa que pretendemos crear puntos espazos de convivencia veciñal na parroquia de Castiñeiras porque ademais da Ameixida, estamso actuando tamén nos Mosqueiros” informou Pérez Barral.

Prevese mellorar a accesibilidade implantando plataforma única e dando prioridade ao peón. Crearanse zonas axardinadas en varios puntos para lograr unha maior integración paisaxística e instalaranse novos elementos de iluminación e varanda.

A obra contempla a renovación do pavimento de aglomerado, derrubarasr unha construción duns 15 m2 aproximadamente e un valado pequeno, que se reconstruirá posteriormente.

Renovarase a liña de pluviais existente mediante a instalación unha nova tubaxe de PVC de 315 mm de diámetro, cos seus correspondentes pozos de rexistro, arquetas sumidoiro e acometidas domiciliarias.
Para a pavimentación utilizaranse bordo de granito, lastra de granito abordado de longo libre (L) x 40 cm de ancho e 4 cm de espesor na zona de beirarrúa,
formigón HM-25 pulido en cor a zona de rodadora, celosías de formigón prefabricado combinado con céspede na zona de estacionamento.

Dotarase á zona de novos elementos de iluminación e instalarase unha nova liña de alimentación a base de condutores de cobre.

Para seguir co plan de reverdecemento urbano posto en marcha polo goberno local, crearanse zonas axardinadas, rematadas con céspede natural e plantaranse sobreiras e arbustos.
Por último colocarase unha varanda de aceiro inoxidable sobre o muro que separa o bordo litoral, da Praia da Ameixida.

O proxecto foi adxudicado por un importe total de 163.000 euros á empresa Excavaciones Nima S.L. finciado por fondos europeos “Nextgeneration” e prevese unha duración de 3 meses.