Monday 10 de March de 2025

SEA e Concello da Laracha presentan a ampliación do parque empresarial


A nova fase do polígono, no que Suelo Empresarial del Atlántico investirá uns 15 millóns de euros, estenderase por unha superficie de case 340 000 metros cadrados, o que supón que A Laracha terá máis dun millón de metros cadrados de solo industrial.

A Casa da Cultura da Laracha acolleu esta mañá a presentación do Plan Estructurante de Ordenación para a ampliación do parque empresarial da Laracha, co que SEA e Concello dan resposta á demanda de solo industrial na zona. No acto interviñeron o alcalde José Manuel López Varela; a xerente de Suelo Empresarial del Atlántico (SEA), Beatriz Sestayo; o responsable da redacción do proxecto, o enxeñeiro de Proyfe Antonio Durán; o avogado de SEA, Antonio Quintela; a directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial da Xunta de Galicia, Margarita Ardao; e a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, que pechou o acto.

O proxecto, no que SEA investirá entre 14,5 e 15,5 millóns de euros, desenvolverase sobre un total de 338 629 metros cadrados, o que supón que o polígono alcanzará unha superficie de máis dun millón de metros cadrados. Será construído, nunha única fase, en terreos moi próximos ao actual parque empresarial, entre os lugares de A Torre e Samiráns. Así o explicou Antonio Durán, o responsable da redacción do proxecto.

Desde SEA, Antonio Quintela explicou que recentemente foi presentado a tramitación o Plan Estructurante de Ordenación de Suelo Empresarial (PEOSE); e que a continuación deberán ser aprobados os proxectos de expropiación, urbanización e parcelación, trámites imprescindibles para o inicio das obras.

O alcalde José Manuel López resaltou que “este proxecto non só é unha resposta á crecente demanda de espazos industriais e loxísticos, senón que se trata dunha aposta decidida por inxectar enerxía para fortalecer o tecido empresarial local e consolidar A Laracha como un referente para o investimento e o emprendemento”.

Nesa liña, Beatriz Sestayo, incidiu en que “este será un dos polígonos máis destacados da xeografía galega, polo seu emprazamento, polas súas infraestruturas e, por ende, pola súa capacidade para xerar futuro”. Así mesmo quixo expresar a súa satisfacción por iniciar “un novo capítulo de SEA como entidade pública de dinamización social, impulso, establecemento de empresas e creación de solo”. Sestayo agradeceu a todas as persoas e institucións que fixeron posible que hoxe se presente a ampliación da Laracha, recoñecendo “a valentía dos empresarios, sen cuxo esforzo nada sería posible”.

Pola súa banda, a directora Xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial da Xunta, Margarita Ardao, insistiu no compromiso e a máxima colaboración do Goberno galego coa ampliación do parque empresarial da Laracha co obxectivo de ampliar o tecido empresarial xa instalado e atraer novos investimentos.

Tampouco esqueceu ao empresariado a subdelegada do Goberno, María Rivas, “porque sen eles –explicou– proxectos como a ampliación deste parque empresarial non terían sentido”. Insistiu na necesidade de traballar todos xuntos para acadar un desenvolvemento propicio: “estamos a crear oportunidades económicas e estamos a construír, xuntos, un futuro próspero para toda esta comarca. Insisto no de xuntos, porque hoxe estamos aquí representados todos os niveis da administración: o municipal, o autonómico e o estatal. Porque esta é a fórmula, a da colaboración para o crecemento”.

Pechábase así un acto no que todos os participantes coincidiron en resaltar a necesidade de desenvolver proxectos como este para responder ás demandas empresariais de Galicia e co que se consolida un polo de actividade industrial no eixe atlántico.

Datos da ampliación
Superficie (m2)
Parcelas de uso lucrativo 200.514
Equipamientos 3.287
Espacios libres públicos 92.636
Sistema viario y aparcamientos 42.199
Superficie ámbito parque empresarial 338.629