Wednesday 05 de February de 2025

Paderne destinará case 400.000 euros a mellorar a rede de saneamento en Vilamourel e a pavimentación en Adragonte e Vigo


 Os investimentos van a cargo da liña do POS+2025 da Deputación e contaron coa unanimidade do pleno

 Instalaranse 15 novos pozos para dar servizo ao núcleo poboacional da Calzada, único punto que carece de decantadoras e non está pendente de futuras actuacións de Augas de Galicia

 A actuación na rede viaria contempla intervir ao longo de 2,6 quilómetros

O Concello de Paderne destinará 391.412,15 euros a mellorar a rede de saneamento e a pavimentación das vías da localidade. Farao, de xeito concreto, investindo o total da liña de financiamento do POS+2025 da Deputación da Coruña, dividido en 198.627,06 para o saneamento na parroquia de Vilamourel e 192.785,09 euros destinados á pavimentación en Adragonte e Vigo.
Por unha banda, a actuación no lugar da Calzada, na parroquia de Vilamourel, pasa pola instalación de 15 novos pozos. Deste xeito, darase servizo ao único núcleo poboacional do municipio que non está pendente de futuras actuacións da man de Augas de Galicia, ben a través do reparación de decantadoras existentes, ben a través da posta en marcha de novas instalacións.
Así, esta nova instalación únese ás reformas das decantadoras que o Concello executou o pasado ano e ás auditorías externas contratadas para obter unha análise completa da situación das redes de abastecemento e saneamento e, así, elaborar un plan de actuación integral.

A estas iniciativas únense as periódicas reunións con Augas de Galicia, que culminaron nun encontro o pasado mes de xaneiro no que o organismo comprometeuse a estudar nos vindeiros seis meses as posibilidades técnicas de actuación en relación coa histórica demanda de Paderne: a construción dunha Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) que axude a paliar boa parte das deficiencias do municipio.

Por outra banda, o Concello de Paderne actuará en máis de 2,6 quilómetros lineais de vías nas parroquias de Adragonte e Vigo. O proxecto contará cun financiamento de 192.785,09 euros. Deste xeito, o executivo liderado por Sergio Platas continúa co seu proxecto integral de mellora de pavimento, que xa se achega aos 20.000 metros de novas capas de rodadura.
Os investimentos dos case 400.000 euros que corresponden a Paderne polo POS+2025 nestes proxectos foron aprobado de xeito unánime polo pleno municipal nunha sesión extraordinaria de urxencia celebrada esta mañá. O alcalde, Sergio Platas, quixo agradecer ao resto de grupos políticos a súa boa predisposición para “sacar adiante” dúas iniciativas que suporán melloras significativas no municipio e van na liña de actuar contra as carencias estruturais da localidade

Platas lembrou que o saneamento “é un dos piares do plan de traballo” do seu equipo de goberno e, polo tanto, cara esta materia deben ir destinados “todos os recursos posibles”. Así mesmo, o rexedor destacou que as melloras das redes de circulación son outro dos piares da política de actuacións do executivo municipal, xa que “o bo estado das estradas e pistas garante non só comodidade para a veciñanza, senón seguridade”.

70.000 euros para gasto corrente

A maiores, o pleno tamén deu luz verde por unanimidade a que a partida do POS+ Adicional, outra das liñas de financiamento anuais da Deputación da Coruña aos concellos, vaia destinada a gasto corrente.
Segundo os criterios obxectivos establecidos pola institución provincial, Paderne contará este ano con 70.103,67 euros.

Deja un comentario