Hoxe presentouse a exposición do “XVIII Premio Internacional Jesús Núñez” coa presenza da concelleira de Cultura, Antía Alberte, a concelleira de Educación, Cruz Rivadulla e o dinamizador cultural do concello, Unai González.
O Premio Jesús Núñez chega á maioría de idade consolidado como un referente no panorama da arte gráfica nacional, e mesmo internacional, e fiel ao compromiso da Deputación da Coruña no seu labor de mecenado e de apoio ás creadoras e creadores plásticos, algunhas de cuxas obras, grazas ao certame, foron incorporándose durante estes dezaoito anos aos fondos da colección da Deputación e enriquecendo o patrimonio artístico provincial.
Esta exposición recolle unha selección dalgúns dos mellores traballos presentados ao certame internacional de arte gráfica co que a Deputación quere poñer en valor o talento creativo e a figura do artista Jesús Núñez, consolidándose como unha referencia no apoio e promoción de novos talentos nacionais e internacionais da arte gráfica.
Nesta ocasión presentáronse ao premio mais dun centenar de obras de artistas gráficos de 20 países de todo o mundo: México, Uruguai, Cuba, Francia, Italia, Polonia ou Rusia, quedando patente tamén a amplitude de intereses, temáticas, técnicas, procesos e discursos proxectados no conxunto de pezas recibidas.
Resultou gañadora a obra titulada «10 grados», de Juan Carlos Escudero García, que poden ver nesta sala do Centro Cultural Lustres Rivas e concedéronse dous accesits a Mateusz Patrzyk, pola obra «Painbody» e a Maite Pinto, pola obra «Vero Over».
“10 grados”, a obra premiada do artista Juan Escudero, posiciónanos diante da inmensidade da representación dunha vista aérea e etérea do océano, e na concreción da fluidez da auga como elemento.
A exposición estará aberta ao público no Centro Cultural Lustres Rivas do 5 ao 22 de febreiro, con entrada gratuíta, en horario de luns a venres mañá e tarde e sábados pola mañá.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.