Wednesday 05 de February de 2025

O Concello inicia as obras dunha promoción de 50 vivendas para alugueiro social en Xuxán


A alcaldesa, Inés Rey, apuntou á importancia desta intervención “nun contexto no que os custos da vivenda, tanto en propiedade como en réxime de alugueiro, fan evidente a necesidade de crear máis vivenda pública”

Rey e a ministra de Vivenda e Axenda Urbana, Isabel Rodríguez, visitaron hoxe a parcela na que se está a construír o novo edificio, financiado con fondos municipais e Next Generation xestionados a través do Ministerio

A alcaldesa, Inés Rey, e a ministra de Vivenda e Axenda Urbana, Isabel Rodríguez, asistiron hoxe ao inicio das obras de construción do edificio que o Concello destinará a alugueiro social no barrio de Xuxán, onde o Concello construirá 50 vivendas na parcela Z-37, un soar de titularidade municipal.
A rexedora, acompañada esta mañá polo concelleiro de Urbanismo, Rehabilitación e Vivenda, Francisco Díaz Gallego, e polo concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica, José Manuel Lage, subliñou a importancia desta intervención á que o Concello destina un investimento de 10,2 millóns de euros, dos que 2,4 son procedentes de fondos Next Generation, unha quinta parte do total. Os traballos, adxudicados no mes de outubro á empresa Citanias, teñen un prazo de execución de 24 meses.
“Hoxe damos un paso moi importante para incrementar a bolsa de vivenda pública na cidade, unha medida fundamental para axudar a reverter a situación actual do mercado e poñer a disposición das coruñesas e coruñeses vivendas a custos accesibles. Neste caso, de alugueiro social”, apuntou a alcaldesa, que insistiu na necesidade de traballar a escala interadministrativa para lle poñer freo á escalada de prezos que está a experimentar o sector inmobiliario, tanto na compra de inmobles como no tocante aos alugueiros.
“Debemos facer uso de todas as ferramentas que teñamos á man para garantir o cumprimento dun dereito constitucional. Que as persoas poidan contar cunha vivenda digna e adecuada é algoque xa debería estar fóra de calquera tipo de debate. Por iso debemos actuar canto antes e planificar, a medio e longo prazo, tanto en termos de construción de vivenda pública como no regulamento das vivendas de uso turístico e a declaración de zonas tensionadas”, recalcou.

Neste sentido, Rey lembrou os avances experimentados nas últimas semanas, coa aprobación en Xunta de Goberno Local da nova ordenanza reguladora das VUT e a certificación de que A Coruña, atendendo aos informes técnicos encargados polo Concello, cumpre cos requisitos para a declaración de Zona de Mercado Residencial Tensionado. A rexedora salientou que, xa o vindeiro mes de marzo —tras o prazo de consulta pública e un novo encontro coa Mesa Sectorial de Vivenda—, o Goberno municipal remitiralle á Xunta o informe detallado por distritos e seccións censuais e solicitará que sexa adoptada esta medida para conter os prezos e garantir o acceso da cidadanía á vivenda.

Ademais de Inés Rey, Francisco Díaz Gallego, José Manuel Lage e a ministra Isabel Rodríguez, no acto deste martes participaron o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco; a subdelegada do Goberno, María Rivas; o director xeral e o responsable de Edificación da empresa adxudicataria (Citanias), Javier Sal e Álvaro Romero; e a presidenta da Federación de Asociacións de Veciños da Coruña, Luisa Varela.
Rey agradeceulle á ministra a implicación do seu departamento na obtención de fondos para promover vivenda pública, tanto pola achega para o novo edificio municipal como polas súas achegas de recursos europeos a outras administracións para a construción de máis vivendas sociais na cidade.

Unha quinta parte das vivendas da Z-37 serán adaptadas

A parcela Z-37 conta cunha superficie de 1.600 metros cadrados e unha edificabilidade total de case 7.000 metros cadrados. Tal e como se informou meses atrás, ao aprobarse o proxecto de construción do edificio, unha quinta parte das 50 vivendas serán adaptadas, cinco veces máis do mínimo estipulado pola normativa.

Ademais, nos sotos do edificio haberá 104 prazas de aparcadoiro, das que un total de 12 serán adaptadas para persoas con mobilidade reducida. Haberá, ademais, 14 prazas de estacionamento para motos e tamén se habilitarán espazos para patinetes eléctricos. A este respecto, do total deprazas de estacionamento proxectadas, medio cento contarán con carga para vehículos eléctricos e as restantes incluirán preinstalación de carga.

Un paso máis no desenvolvemento residencial de Xuxán

O investimento destinado polo Concello a erguer o novo edificio de alugueiro social na Z-37 de Xuxán é o máis elevado en décadas no referente á creación de vivenda pública na cidade.
“A posta en marcha destas obras permite avanzar no desenvolvemento residencial de Xuxán, onde xa rematamos a mediados do ano pasado as obras de urbanización do barrio, que supuxeron tanto a construción da gran praza central como das novas conexións peonís e do tráfico rodado co barrio de Matogrande, por riba do trazado ferroviario”, apuntou hoxe o concelleiro de Urbanismo, Rehabilitación e Vivenda, Francisco Díaz Gallego.

Estes traballos, que supuxeron un investimento de máis de 11,5 millóns de euros, incluíron tamén a creación de novas beirarrúas, áreas de estacionamento gratuítas e espazos públicos como o parque infantil da rúa Longarela.

Visita ás obras de rehabilitación da sede da Real Academia Galega

Tamén esta mañá, Inés Rey e Isabel Rodríguez visitaron a sede da Real Academia Galega na rúa Tabernas, onde están en marcha as obras de rehabilitación do edificio, unha actuación que conta con financiamento do Goberno estatal e a colaboración do Concello.

O inmoble, un pazo urbano con escudo señorial que lle foi entregado á Real Academia Galega pola familia de Emilia Pardo Bazán, ten fachada de cantería. A fachada principal ten acceso á rúa Tabernas, e a traseira —a máis estreita— dá á rúa do Parrote. Xa no 1975, o prestixioso arquitecto coruñés Andrés Fernández-Albalat Lois dirixiu unha primeira reconstrución do edificio, que supuxo a súa ampliación en dúas alturas.

Os traballos, con carácter de reestruturación parcial, contan cun orzamento de 2,1 millóns.

Deja un comentario