Os abonos sairán á venda este xoves 6 ás 13.00 horas
O Morriña Festival 2025 suma un novo gran nome ao seu impresionante cartel: Ozuna. A superestrella mundial do reguetón e a música urbana actuará na Coruña como data única en Galicia en 2025, no festival celebrado os próximos 25 e 26 de xullo, nun evento que promete ser unha das citas musicais máis importantes do ano en España. “O Goberno de Inés Rey apoia un ano máis este evento, que supón unha das grandes citas do verán na cidade e achega a numerosas persoas visitantes durante unha fin de semana”, sinalou o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro.
Cunha traxectoria repleta de éxitos globais e premios internacionais, Ozuna consolidouse como un dos artistas latinos máis influentes do panorama actual. Temas como Hey Mor, Vaina Tola ou Se Preparou levaron a súa música todo o máis alto das listas de éxitos e conquistaron a millóns de fans en todo o mundo.
O Morriña Festival, que cada ano reúne a miles de asistentes na cidade galega, reforza con esta incorporación a súa aposta pola diversidade musical e o talento internacional. Cun cartel que xa contaba con figuras de renome, como os tamén portorriqueños Residente e Jhayco, a chegada de Ozuna promete elevar aínda máis a expectación e consolidar ao festival como unha referencia imprescindible no circuíto de festivais de verán en España.
O Morriña Festival 2025 sacará á venda os seus primeiros abonos este xoves 6 de febreiro ás 13.00 horas. O evento sumou estes días outros nomes relevantes ao seu cartel, como Miss Caffeina, Duncan Dhu, Pignoise, Alcalá Norte ou Veintiuno.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.