Wednesday 05 de February de 2025

Rueda destaca a inversión da Xunta para poñer en marcha a primeira planta pública de Galicia para o  tratamento de residuos téxtiles 


 Salienta que as novas instalacións, nas que a Xunta inviste 25 millóns de euros, estarán operativas no segundo trimestre de 2026

 A Xunta destina 12 M€ a axudas para apoiar aos concellos na xestión de residuos e habilitará unha oficina específica para asesorar aos municipios na transición cara a unha economía circular

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe o compromiso do Goberno autonómico coa reciclaxe e a economía circular ao destinar 25 millóns de euros á posta en marcha da primeira planta pública de Galicia para o tratamento de residuos téxtiles que estará localizada nas instalacións de Sogama.

Durante a presentación do proxecto, acompañado da conselleira de Medio Ambiente e Cambio climático, Ángeles Vázquez, Rueda salientou a transversalidade e amplitude do proxecto de construción da nova planta, que cando estea operativa no segundo trimestre de 2026 terá capacidade para preparar ata 24.000 toneladas de residuos téxtiles ao ano para a súa posterior reciclaxe.

Neste sentido, o presidente da Xunta lembrou a importancia tanto do traballo feito en materia de xestión de residuos en Galicia durante os últimos anos grazas a Sogama, convertendo a Galicia nun referente en toda España, como da colaboración da administración autonómica cos concellos para reciclar e tratar residuos, algo que “hai que facer en unión”.

A intención é, segundo afirmou o titular do Executivo galego, “seguir avanzando nesta Galicia verde” na que en materia medioambiental trabállase con “especial excelencia”.

Así, a nova planta, que terá máis de 8.000 metros cadrados de superficie, será a encargada de clasificar por composición e cores os restos de roupa que lle cheguen tanto das empresas de economía social coma dos contedores instalados na rúa. Unha vez seleccionados serán enviados aos centros específicos para transformalos en fibras téxtiles recicladas ou, se non é posible a súa reutilización, procederase a súa valoración enerxética.

Deste xeito, búscase reducir o consumo de materias primas virxes ou recursos coma enerxía e auga que se utilizan á hora de fabricar prendas de roupa así como atraer investimentos e empresas vencellados a este sector e apoiar aos concellos coa xestión dos residuos.

Nesta liña, cómpre lembrar que a Xunta destina 12 millóns de euros a diferentes achegas para axudar a mellorar a xestión dos refugallos. En concreto, ao longo deste ano, vanse investir 9,2 millóns para que os concellos melloren a recollida separada de biorresiduos e residuos especiais coma aceite ou téxtiles e outros 2,5 millóns a construción ou reforma de puntos limpos e instalacións para fomentar a reutilización ou a reparación de residuos domésticos.

Ademais, o Goberno autonómico vai poñer en marcha unha oficina específica para o asesoramento técnico especializado en materia de residuos municipais para orientar e acompañar aos concellos galegos na transición cara á economía circular. O obxectivo é promover a cooperación entre administración e simplificar trámites e procesos.

Normativa sobre residuos téxtiles
A actual normativa estatal establece que desde o pasado 1 de xaneiro, todos os concellos teñen que facer unha recollida selectiva dos residuos téxtiles para o seu posterior tratamento. Ademais, queda prohibido exportar este tipo de refugallos e os fabricantes de roupa están obrigados a incluír unha porcentaxe de fibras téxtiles recicladas nas novas prendas.

Deja un comentario