Está previsto que a estrutura de area que protexe o Paseo Marítimo estea reparada esta semana
O Concello comezou esta semana os traballos de reparación da duna da praia de Riazor, afectada polas tres borrascas -—Éowyn, Herminia e Ivo— que tiveron lugar durante o pasado mes de xaneiro.
Unha retroexcavadora de 30 toneladas traballará ao longo destes días en Riazor para volver a montar e perfilar a duna. A concelleira de Medio Ambiente, Yoya Neira, sinalou que está previsto que os traballos de reparación da estrutura de area que protexe o Paseo Marítimo estean finalizados esta mesma semana.
“A duna resistiu adecuadamente o paso de tres borrascas seguidas e agora hai que aproveitar estes días para reconstruíla e que cumpra a súa función no que queda de inverno”, dixo Neira. Durante as xornadas de mal tempo, un retén dos servizos de limpeza municipais estivo pendente de retirar a area que puidese chegar ao paseo.
A duna de Riazor levantouse por primeira vez no ano 1995 como resposta a un forte temporal que derrubou a antiga balaustrada do Paseo Marítimo ao seu paso por este areal. Este tipo de situacións meteorolóxicas danse na Coruña entre unha e tres veces ao ano de media. A duna permanecerá en Riazor ata mediados de maio, data na que será retirada para deixar as praias preparadas con vistas á tempada de baño a partir do 15 de xuño.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.