Tuesday 04 de February de 2025

O BNG apoia as reivindicacións da ANPA do CEIP O Grupo de Ribeira


O Bloque Nacionalista Galego (BNG) manifesta o seu apoio ás demandas da Asociación de Nais e Pais Santa Uxía do CEIP O Grupo de Ribeira, que denuncia a paralización das obras do ascensor no edificio de Educación Infantil do centro, indispensable para garantir a accesibilidade do alumnado con mobilidade reducida, así como a reversión dos recortes de profesorado especialista.

Segundo a ANPA, tras anos de reclamacións, a instalación do ascensor sufriu continuos atrasos. A adxudicación inicial quedou deserta por insuficiencia de orzamento e, despois dunha reformulación, foi finalmente concedida cun prazo de execución de dous meses, antes de que rematase o 2024. A obra comezou na primeira semana de novembro, pero quedou novamente paralizada, deixando as aulas afectadas con tabiques de pladur provisionais e sen aseos, obrigando ao alumnado a utilizar un baño de obra no patio traseiro en pleno inverno. A ANPA esixe á Xunta de Galiza actuacións inmediatas para completar a instalación do ascensor sen máis dilacións.

A concelleira nacionalista, Cruz Rivadulla, informou que o BNG presentou emendas aos Orzamentos da Xunta para incluír unha partida económica que permitise facer unha renovación integral do colexio, que este curso celebra o seu 75º aniversario, mais o Partido Popular votou en contra desa actuación.

Actualmente o centro educativo precisa investimentos para melloras infraestruturais: arranxo do patio exterior, renovación da cuberta, mellora do illamento térmico, reparación da pista deportiva, substitución da escaleira traseira ou habilitar o edificio da antiga comisaría para acoller aulas.

Na concentración de hoxe, alén de reivindicar estas melloras, os pais e nais esixiron a recuperación dos tres especialistas que atenden o alumnado con necesidades educativas especificas.

Dende o BNG reclaman que a Consellaría de Educación aumente o persoal de Audición e Linguaxe así como o de Pedagoxía Terapéutica que foron reducidos respecto ao curso pasado. “É inaceptable que cada ano se reduza profesorado e o alumnado padeza as consecuencias” aseverou Rivadulla.

Pola súa banda o alcalde, Luís Pérez Barral, tamén presente na concentración, asegura que apoiará estas demandas e solicitará novamente que a Xunta inclúa a Ribeira no programa de reformas estruturais de colexios para garantir que os centros máis antigos teñan investimentos cos que mellorar a súa confortabilidade. Pérez Barral incidiu especialmente na demanda de contar con profesorado especialista suficiente: “levamos anos vendo como se reduce o profesorado prexudicando o alumnado que ten necesidades educativas diagnosticadas, xa que non poderá ser atendido como precisa ao faltaren profesionais de audición e linguaxe (AL) e pedagoxía terapéutica (PT)”. Non imos consentir que recorten na calidade educativa dos nosos mozos e mozas sabendo que se poden destinar os recursos e persoal suficientes” declarou Pérez Barral.

Dende o BNG reiteran o seu compromiso coa defensa do ensino público de calidade e traballarán a carón da comunidade escolar para resolver estas necesidades.

Deja un comentario