Tuesday 04 de February de 2025

Ponteceso adicará a totalidade dos fondos do POS a financiar gasto corrente


O goberno local indica que “o único que pretende é mellorar a saúde da casa de todos os pontecesáns”.

O Concello de Ponteceso celebra mañá mércores, a partir das 19:30 horas, un pleno no que se debaterá a proposta do executivo local para a distribución do POS da Deputación da Coruña. O goberno municipal, presidido por José Manuel Mato, propón destinar a totalidade destes fondos a sufragar gasto corrente co obxectivo de equilibrar o orzamento municipal e garantir a estabilidade financeira do Concello.

En total, Ponteceso conta cunha achega de 616.360 euros da Deputación, dos cales o executivo propón destinar todos eles para cubrir necesidades de gasto corrente. Por outra banda, para futura financiación a través de POS Complementarios, presenta un proxecto de 89.640 euros para melloras viarias en diferentes puntos do municipio, incluídas actuacións na Gándara-Palás (Tella), A Campara (Cores) e A Bouza (Ponteceso).

O alcalde José Manuel Mato explicou que a decisión de priorizar o gasto corrente responde á necesidade de reequilibrar as contas municipais, tendo en conta que algunhas partidas de ingresos non acadaron as previsións iniciais. “Temos que axustar o orzamento para garantir a estabilidade financeira do Concello. No seu momento, certas previsións de ingresos foron sobredimensionadas, e agora debemos actuar con responsabilidade para manter o equilibrio económico”, indicou o rexedor.

O executivo local reitera o seu compromiso coa xestión responsable dos recursos municipais e co mantemento dos servizos públicos esenciais. As actuacións previstas en infraestruturas viarias en diferentes parroquias reflicten a vontade do goberno municipal de seguir mellorando a calidade de vida da veciñanza, garantindo ao mesmo tempo unha xestión financeira sostible e realista.

O primeiro edil pontecesán remata invitando a todos os grupos políticos do pleno a apoiar unha medida que o único que pretende é “mellorar a saúde da casa de todos os pontecesáns, que agora mesmo se está vendo afectada pola precaria situación económica herdada das anteriores corporacións e por unha planificación económica que agora estamos tratando de emendar”.

Deja un comentario