Hoxe tivo lugar a presentación de dúas accións que vai a levar a cabo a comisión para a Recuperación da Memoria Histórica do Barbanza; por unha banda a presentación do libro ilustrado “Diarios de Julio Silva” e pola outra o anuncio do “I Certame de Memoria Histórica do Barbanza”.
Á convocatoria asistiron, a concelleira de Cultura, Antía Alberte, o presidente da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Barbanza, Carlos Cimadevila e o membro vocal da mesma, Xoán Hermida.
Antía Alberte introduciu o acto de presentación anunciando que o vindeiro sábado 8 de febreiro, ás 19:00 h, o Centro Cultural Lustres Rivas acollerá a presentación do libro ilustrado “Diarios de Julio Silva”, unha obra baseada nos escritos persoais de Julio Silva Vilas, sindicalista, xornalista e activista republicano ribeirense, asasinado en Santiago de Compostela o 29 de xaneiro de 1937 pola represión franquista.
A concelleira agradeceu á MHB: “polo seu traballo, poñendo en valor o coñecemento do noso pasado; son cousas que custan lembrar e dixerir pero é necesario porque ese pasado axúdanos a ter consciencia do noso presente e axúdanos a construír un futuro”.
Carlos Cimadevila falou do libro indicando que ofrece unha visión íntima do pensamento e da vida de Silva Vilas, quen foi secretario xeral da UGT en Ribeira, membro da “Juventud Cultural Republicana” e colaborador en xornais como “La Lucha”, “RAIG” e “Ser”. No seu diario, recuperado recentemente pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica de Barbanza (CRMHB), reflíctense as súas ideas, as súas esperanzas e o medo crecente ante a persecución política que finalmente lle custou a vida.
Un testemuño da represión franquista
Julio Silva foi detido tras o golpe de Estado de xullo de 1936 e xulgado en decembro dese ano en Santiago xunto con outros compañeiros e condenado a pena de morte. Os seus escritos, agora recompilados neste libro-álbum, permiten reconstruír non só a súa historia persoal, senón tamén o, contexto político e social da época.
Baseado nas memorias que escribiu no cárcere e que foron redactadas por José Antonio Pérez Fernández, este álbum ilustrado rescata a historia de
Julio Silva, un barbeiro valente e comprometido, cuxa vida simboliza a loita pola liberdade e a resistencia fronte á barbarie da Guerra Civil. Cimadevila finalizou agradecendo o apoio do Concello de Ribeira e o Concello de Rianxo xunto cos ilustradores: José Antonio Pérez, Pura Villar e a Mónica Paula Montero.
Para rematar Xoán Hermida informou sobre o I Certame de Memoria Histórica do Barbanza “que ten como obxectivo de recoñecer, promover, premiar e difundir publicamente materiais sobre a memoria histórica que, polo seu valor e interese, contribúan ao desenvolvemento educativo de Galicia”. O certame que está organizado conxuntamente ca Nova Escola Galega busca favorecer a innovación, a calidade na educación e a renovación pedagóxica, ao tempo que promove os valores democráticos e a dignidade inviolable da persoa.
Os materiais didácticos presentados deberán estar dirixidos aos diferentes niveis de ensino e tratar calquera tema relacionado coa Memoria Histórica e a Memoria Democrática, que cumpra abordar no desenvolvemento do currículo educativo. Poderán presentarse traballos orientados a educación infantil, primaria ou secundaria (ESO, Bacharelato,FP).
As bases colgaranse na web do concello máis nas redes sociais de MHB.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.