Esta ferramenta, que se está a pilotar na Audiencia Provincial de Pontevedra, permitirá aos profesionais da Administración de Xustiza o acceso e consulta dos expedientes electrónicos desde calquera dispositivo
A Xunta implantará o visor do expediente xudicial electrónico nos xulgados galegos ao longo de 2016. Así o indicaron o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda e a directora da Amtega, Mar Pereira, esta mañá durante a presentación desta solución, na que tamén participaron o fiscal xefe de Pontevedra, Juan Carlos Aladro e o maxistrado da Audiencia Provincial, Manuel Almenar.
Durante o mes de febreiro a Audiencia Provincial de Pontevedra acolleu a pilotaxe do visor, unha solución multidispositivo, que permitirá aos profesionais da Administración de Xustiza acceder á información do expediente xudicial en formato electrónico, convenientemente ordenada e catalogada.
O visor, ao que se accede mediante certificado dixital, permite o acceso á información dos expedientes xudiciais electrónicos relacionados con cada profesional con totais garantías de seguridade. Dispón dun buscador avanzado que facilita as buscas, filtrándoas en función das diferentes características dos procedementos ou documentos. Unha vez seleccionado o expediente o visor permite consultar os procedementos, pezas e documentos que o conforman.
A ferramenta garante a accesibilidade á información en todo momento, evitando o traslado físico da documentación, coas vantaxes de axilidade, eficiencia e seguridade que iso supón. O visor irá incorporando novas funcionalidades, progresivamente, como unha axenda xudicial persoal ou o módulo de alarmas para o apoio á actividade do persoal ao servizo da Administración de Xustiza.
Avances cara o cero papel
O visor é unha das pezas chave do Expediente Xudicial Electrónico, xunto co sistema de Xestión de Arquivos físicos e pezas de convicción, que se está a probar en Ourense e a sede electrónica xudicial, que se porá en marcha este ano.
Ademais, dentro deste proceso de dixitalización da Xustiza, Galicia conta xa cun repositorio unificado xudicial, único para todo o territorio da Comunidade autónoma, que se configura como a fonte de información das novas aplicación e servizos da Administración Xudicial electrónica.
O proceso de implantación do Expediente Xudicial Electrónico vai acompañado da dotación de equipamento. Estanse a distribuír 100 portátiles e 290 equipos de sobremesa para axustar os postos de traballo ao novo escenario dixital.
Plan Senda 2020
Estas son actuacións máis inmediatas do Plan Senda 2020 para consolidar a dixitalización da Xustiza e avanzar cara o cero papel, un proceso progresivo, que Galicia iniciou en 2009 coas medidas do I Plan Senda (renovación de equipamento e infraestruturas de telecomunicación en todas as sedes xudiciais, implantación de sistemas de información para os diferentes perfís profesionais da Administración da Xustiza) e que culminará coa implantación efectiva do Expediente Xudicial Electrónico.
O Plan Senda 2020 busca acadar unha xustiza máis próxima e transparente, máis eficiente grazas á xestión electrónica e segura e conta cun investimento previsto de 26,6.