O Concello de Oleiros organiza o vindeiro 22 de febreiro unha ruta desde a Fervenza do Toxa ao Mosteiro de Carboeiro e visita ao entroido dos Xenerais do Ulla, enmarcada no programa Andares por Galicia, a cultura da natureza.
O vindeiro sábado 22 de febreiro terá lugar unha nova edición do programa Andares por Galicia, a Cultura da Natureza, organizado polo Concello de Oleiros, coa Ruta da Fervenza do Toxa ao Mosteiro de Carboeiro e Entroido dos Xenerais do Ulla.
As persoas participantes visitarán puntos de interese como o Sistema fluvial Ulla-Deza, o Mosteiro de San Lourenzo de Carboeiro, a Ponte do Demo, a Fervenza do Toxa, a área recreativa, a praia fluvial ou a ponte de A Carixa para rematar cunha visita cultural ao Entroido tradicional dos Xenerais da Ulla.
Este programa céntrase en descubrir as características máis importantes a nivel natural, social e cultural da nosa terra e xerar conciencia de coidado e protección do patrimonio natural e cultural. Así mesmo trata de promover a convivencia e a socialización do grupo de participantes nun ambiente aberto e favorecer hábitos saudables de ocio no medio natural.
A saída do 22 de febreiro contará con 3 guías especializados/as e ofértanse 40 prazas dirixidas a persoas maiores de idade, cun prezo de 23,00 euros.
As preinscricións realizaranse preferentemente na Sede electrónica/catálogo de trámites/cultura a partir do martes 11 de febreiro ás 10.00 horas. No caso de que algunha persoa non lle sexa posible realizala así, poderá facelo na Fábrica en horario de mañá de 10.00 a 14.00 horas. Ocuparanse as prazas por rigorosa orde de solicitude e terán preferencia as persoas empadroadas no Concello de Oleiros. Formulario preinscrición: https://www.oleiros.org/actividades-culturais/-/asset_publisher/HSJ5LJ3LSSU6/content/id/1357100
Para obter máis información sobre esta ruta e o conxunto do programa é posible dirixirse ao Departamento de Cultura do Concello de Oleiros, situado no centro cultural A Fábrica, ben fisicamente ou a través do teléfono 981 636 598 ou do correo electrónico r.caparros@oleiros.org.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.