Tuesday 04 de February de 2025

Máis dun milleiro de estudantes participarán nas actividades de Normalización Lingüística para este trimestre


Regueifa, club de debate, rutas guiadas, obradoiros…integran a oferta, que inclúe propostas para distintos niveis do ensino

 

Os obradoiros do proxecto Enreguéifate, nos que participaron 70 alumnos/as de primaria e 30 de secundaria, abriron a proposta de actividades organizadas desde o Servizo de Normalización Lingüística para este primeiro trimestre do ano. Pero ademais de Lupe Blanco e Josinho da Teixeira, ata o mes de marzo pasarán polas aulas de todos os centros públicos carballeses diferentes especialistas que van promover e divulgar entre a rapazada a arte do debate, a poesía, a literatura local, a microtoponimia carballesa e as coplas populares, pero tamén a figuras das nosas artes tan relevantes coma Rosalía de Castro, Francisco Miguel ou Alfredo Brañas.

 

A Concellaría de Normalización Lingüística coordina a participación da mocidade carballesa no Club de Debate Alingua, no que dous dos 32 equipos participantes nesta edición están integrados por alumnado do IES Alfredo Brañas. Os Surfistas da lingua e os Oradores de Bergantiños están preparándose para a fase clasificatoria que se celebrará o 24 de febreiro en Ribeira.

 

Como parte desa preparación, hoxe recibiron a visita do concelleiro de Turismo e Promoción Económica, ademais de deputado de Turismo e vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, que propuxo o debate sobre se a masificación en turística é un problema para Galicia.

 

Hoxe tamén arrincou a actividade Letras cantadas, unha iniciativa arredor da celebración do Día das Letras Galegas dedicado ás cantareiras e ás coplas populares, coa que tratamos de fomentar un labor de recollida por parte do alumnado na súa contorna familiar e veciñal máis próxima, contribuíndo deste xeito á preservación desta parte tan importante do noso patrimonio inmaterial. Para amosarlles como facer ese traballo achegáronse ata o IES Parga Pondal e o CEIP A Cristina dous auténticos expertos: o noso concelleiro de Mocidade, Ramón Varela, e o historiador, guía e músico Hadrián García. Nos vindeiros días achegaranse tamén a outros centros.

 

Con Hadrián García a rapazada tamén poderá gozar das rutas do Mapa Literario de Carballo, que percorre distintos puntos da xeografía urbana que ou ben están vinculados a escritores e escritoras locais ou ben forman parte dos seus relatos. As saídas realizaranse ao longo de todo este mes con alumnado de diferentes idades, desde o de Infantil do CEIP Nétoma-Razo ata os maiores da Cristina ou o San Luís Romero.

Febreiro é tamén o mes de Rosalía de Castro, e arredor do seu día regresarán a partir do días 17 as visitas ao Xardín de Rosalía guiadas e animadas polo grupo musical Raiceira, e destinadas a alumnado de terceiro e cuarto cursos de primaria. Nunha primeira parte desenvolveranse actividades que lles permitirán achegarse á vida e á obra de Rosalía de Castro dun xeito lúdico, e nunha segunda parte, centrada na dinamización musical, interpretarán algúns dos seus poemas.

 

Arredor desa data, outra das novidades deste ano son os obradoiros de poesía dirixidos a nenos e nenas de segundo curso de primaria, que arrincarán o día 13 e chegarán a todos os colexios públicos do concello con Antía Otero e Dores Tembrás, do proxecto literario Apiario.

 

Tamén son novas as rutas de microtoponimia, que guiará Fernando Cabeza Quiles ata o mes de marzo para o alumnado de cuarto curso da ESO. Esta iniciativa, que xurdiu a raíz das Xornadas de microtoponimia celebradas en setembro do 2024, permitirá ao alumnado coñecer a orixe de moitos dos nomes que se agochan tras as rúas, as casas e os xardíns da nosa vila.

 

Dentro do proxecto Carballo na memoria, a través do car xurdiron as Xornadas de microtoponimia, tamén lembramos en setembro ao pintor Francisco Miguel, coincidindo co 88º aniversario do seu fusilamento e co 1º da exhumación dos seus restos no cemiterio de Bértoa. Tal como apuntou a concelleira de Arquivos, Bibliotecas e Normalización Lingüística, Ángeles Pacoret, as xornadas confirmaron a necesidade de seguir traballando pola recuperación e a divulgación, especialmente entre a mocidade, da memoria histórica, “porque sen memoria non hai historia”. E nese traballo estamos, coa elaboración e difusión dun fanzine que recolle os principais aspectos da vida e da obra do artista. Despois das accións realizadas no último trimestre do ano pasado en varios centros, este mes a figura de Francisco Miguel chegará ao CEIP Xesús San Luís Romero.

 

A Concellaría de Normalización Lingüística colabora, ademais, co IES Alfredo Brañas na organización dos actos de homenaxe ao carballés máis ilustre, que se celebrarán o día 21, coincidindo co 125º aniversario da morte de Alfredo Brañas, e nos que participará o alumnado de primeiro curso de bacharelato do centro de secundaria.

Deja un comentario