Tuesday 04 de February de 2025

O goberno esixe as desculpas do Partido Popular de Ribeira por mentir ao afirmar que non foi convocada a comisión informativa de Urbanismo


O alcalde, Luís Pérez, lembra que a convocatoria foi realizada correctamente e está avalada polo documento oficial asinado por el e polo secretario municipal. O Concello solicita ao PP unha rectificación pública.

O Concello de Ribeira quere desmentir de maneira categórica “as declaracións falsas” do Partido Popular, que afirmou que os seus representantes non foron convocados á comisión informativa de Urbanismo e Infraestruturas, que se vai celebrar hoxe ás 20:00 horas, como órgano previo ao pleno do xoves no que se debaterán as actuacións a incluír no Plan de Obras e Servizos (POS) 2025 da Deputación da Coruña.
O alcalde de Ribeira, Luís Pérez, lamentou esta nova estratexia de desinformación do PP e quixo deixar claro que a convocatoria realizouse con total corrección e dentro dos prazos establecidos. “Todos os grupos municipais, incluído o Partido Popular, foron convocados á comisión informativa de Urbanismo e Infraestruturas mediante os procedementos habituais. Así o certifica o documento oficial asinado por min como alcalde e polo secretario municipal, que dá fe do proceso. Ese documento foi asinado o xoves 30 de xaneiro ás 14:26 horas”, explicou.
Desde o Concello considérase inaceptable que se difundan mentiras con ánimo de confundir á cidadanía e de erosionar a confianza nas institucións municipais. “A oposición ten todo o dereito a criticar e a debater, pero o que non pode facer é construír un relato falso para intentar enganar á xente co obxectivo ter un pretexto para non apoiar unha proposta que é positiva para a veciñanza”.
Por este motivo, o goberno local insta ao Partido Popular de Ribeira a rectificar publicamente as súas declaracións, pedir desculpas por mentir e rematar coa campaña de desinformación que leva tempo intentado crear en Ribeira. “Non é a primeira vez que a portavoz popular mente co obxectivo de desviar a atención ante a súa inacción pero todo ten límites”. O rexedor quixo ter unhas palabras de apoio para o persoal público: “quero recoñecer o traballo que fan os traballaores e traballadoras do Concello de Ribeira que son uns bos profesionais e realizan o seu traballo cun alto grao de profesionalidade e este tipo de estratexias partidistas non debería danar o traballo que fan.
Dende o Concello afirman en que seguirán traballando con total transparencia e participación cos grupos da Corporación Municipal e veciñanza, reafirman ademais o seu compromiso co bo funcionamento democrático e certifican que
en todo momento se garante que todos os grupos políticos dispoñen da información e das convocatorias necesarias para exercer o seu labor.

Deja un comentario