O alcalde, Ángel García Seoane, e o concelleiro de mobilidade, Pablo Cibeira, reuníronse esta mañá en Santiago con responsables autonómicos para expoñer diversas necesidades de mellora do transporte público no Concello de Oleiros. A Xunta de Galicia comprometeuse a analizar as distintas demandas e a responder proximamente.
Respecto á liña B-1, que finaliza no Seixal, o Concello reclamou a súa prolongación ata a Igrexa de San Pedro de Nós, para dar servizo completo ao conxunto da parroquia, claramente desatendida desde os cambios nas liñas do 2020. Tamén se solicitou unha nova liña ata a urbanización de Xaz, en Dorneda, para cubrir toda a avenida Emilia Pardo Bazán (estrada de Meirás) e reforzar os pasos de autobuses entre Santa Cruz e Perillo.
“Sobre a entrada do bus urbano 1A en Santa Cristina informamos aos responsables autonómicos que só falta a súa autorización para poñer en marcha o servizo, porque o acordo co Concello da Coruña e a Compañía de Tranvías é total. A Xunta entende que lle temos que pagar á empresa 49.000 euros, pero que nunca se nos xustificou en condicións, polo que nos negamos a pagala. Nós volvimos deixar clara a nosa postura, polo que haberá novas conversas”, comentou o alcalde Ángel García Seoane.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.