O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, convidou a cidadanía a asistir ao concerto, que lembra o legado dun dos compositores máis prolíficos e influentes de Galicia e España
O Concello, en colaboración coa Fundación Rogelio Groba, organiza esta semana o seu tradicional concerto en homenaxe ao mestre Rogelio Groba. Será este sábado 8 de febreiro no Teatro Colón, ás 20.00 horas, coa Orquestra de Cámara Galega como gran protagonista, baixo a dirección de Rogelio Groba Otero.
Esta cita, que xa forma parte habitual do calendario cultural da cidade, celebra o legado dun dos compositores máis prolíficos e influentes de Galicia e España. O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, convidou a cidadanía a non perder esta actuación, que levará o público asistente a unha viaxe polo inconfundible universo musical de Groba.
O programa do concerto inclúe algunhas das obras máis significativas de Groba, como Grovios, un ciclo etnográfico, inspirada na tribo celta que habitou entre o sur de Galicia e o norte de Portugal, segundo os estudos de Vicente Risco. Esta peza, concibida desde unha perspectiva puramente estética, evoca as raíces culturais galegas e a sensibilidade do compositor. Sobre o seu proceso creativo, Groba comentou: “Acudo á metamorfose dos datos musicais extraídos dos nosos cancioneiros populares, arroupados por unha linguaxe moi persoal que xa hai tempo que se fixo carne na miña sensibilidade”.
O programa tamén inclúe a suite neobarroca Intres boleses, baseada en danzas antigas e unha das primeiras composicións ‘in modo antico’ do mestre. Escrita en 1978, esta obra recibiu o Premio da Crítica Galega en 1979 e reflicte a súa mestría para fusionar tradición e innovación.
Ademais, interpretarase Sarabanda sobre un tema de Haendel, unha obra que destaca pola súa elegancia e profundidade, xunto coa estrea absoluta dunha das moitas composicións inéditas de Groba, que promete ser un momento especial e memorable do concerto.
Cun catálogo que supera as 720 composicións, Rogelio Groba deixou unha pegada imborrable na música galega e española. O seu traballo abrangue xéneros tan diversos como óperas, sinfonías, ballets, música de cámara e de banda, e consolídase como un piar fundamental da cultura musical contemporánea.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.