Tuesday 04 de February de 2025

Belén do Campo anima aos negocios e das empresas do sector servizos a solicitar as axudas da Xunta para reducir a súa factura eléctrica 


— Esta farmacia foi beneficiaria do Bono Enerxía Peme, o ano pasado, o que lles permitiu instalar equipos de climatización e luminarias led

— A delegada lembrou que o Goberno galego acaba de abrir a quinta convocatoria deste programa de axudas que este ano conta cun orzamento de 2,5M€

— A administración autonómica investiu na comarca do Barbanza, no 2024, máis de 81.000 euros para realizar 26 actuacións de eficiencia e aforro de enerxía

A delegada da Xunta, Belén do Campo, e a alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, visitaron hoxe a Farmacia Tállara, onde destacou o apoio que o Goberno galego está a prestar para reducir a factura eléctrica dos negocios e das empresas do sector servizos.

Neste marco, Belén do Campo explicou que a farmacia Tállara foi beneficiaria, o ano pasado, do Bono Enerxía Peme, o que lles permitiu “instalar equipos de climatización e luminarias led”, dixo. “Sodes unha mostra da implicación do noso empresariado co aforro enerxético e a sustentabilidade” subliñou. Neste senso, destacou que, no 2024, recibiron estas axudas 174 solicitantes por un importe de máis de 700.000 euros na provincia da Coruña e na comarca do Barbanza o Bono Enerxía Peme permitiu realizar 26 actuacións de eficiencia e aforro de enerxía en negocios cun apoio da Xunta de máis de 81.000 euros.

A delegada explicou que a Xunta ten aberta unha nova convocatoria -a quinta- desta orde cun orzamento de 2,5 millóns de euros e animou ao posibles beneficiarios a solicitalas. “Queremos concienciar á sociedade da importancia do aforro e a eficiencia enerxética, pero tamén diminuír o consumo de enerxía e reducir a factura eléctrica de pemes e autónomos, para aumentar a súa competitividade”, apuntou. Estas axudas poderán solicitarse ata o 25 de xuño.

A previsión é chegar,con este investimento, a máis de 600 traballadores e traballadoras autónomas e pemes galegas; e xerar aforros enerxéticos de ata 2.800 MWh/ano, e económicos de 0,5 M€/ano na factura eléctrica. O investimento mínimo para poder acceder a estas axudas é de 1.000 euros e a intensidade do apoio será do 80% ata un máximo de 6.000 euros por centro de traballo.

Finalmente, a delegada lembrou que en cinco anos “levamos investidos máis de 13 millóns de euros” cos que se realizaron máis de 3.100 actuacións de eficiencia e aforro de enerxía en Galicia. En definitiva, dixo, “o noso obxectivo é avanzar cara á descarbonización e depender menos dos combustibles fósiles”.

Deja un comentario