Tuesday 04 de February de 2025

A Xunta de Goberno dá luz verde á solicitude de investimentos no rural por preto de 1,7 millóns de euros no marco do POS+2025


O executivo municipal deu o visto e prace á participación do Concello no plan provincial POS+2025 da Deputación da Coruña, que suporá un investimento de máis 1.650.000 euros en actuacións nas parroquias de Enfesta, Laraño e Verdía, así como outras melloras en varias zonas do rural compostelán.

Tamén se aprobou o proxecto de obras na rúa das Rodas para mellorar a accesibilidade peonil á Galiña Azul de San Roque, por un orzamento base de licitación de 66.209,99 euros e un prazo de execución previsto é de 3 meses. As concelleiras Míriam Louzao e Pilar Luiero deron conta esta mañá destes e outros temas nunha rolda de prensa no Pazo de Raxoi.

As concelleiras Pilar Lueiro e Míriam Louzao na rolda de prensa de hoxe

A concelleira de Rural, Pilar Lueiro, detallou que, da suma total de 1.192.669,27 euros que o Concello solicitará á Deputación da Coruña, unha achega de 605.235,15 euros destinarase a financiar diversas actuacións no rural: a ampliación da rede de saneamento no sector leste do lugar de Formarís (Enfesta), que contará cun orzamento de 263.039,5 euros; a pavimentación da rúa de San Roque de Laraño, con 115.454,27 euros, o parque infantil e biosaludable da antiga estación de Verdía, por 150.000 euros; a ampliación das redes de abastecemento e saneamento na Rúa Nova da Igrexa (parroquia de Laraño) 56.862,99 euros; e a subministración e instalación de convectores e instalación de deshumidificadores de baixo consumo nos centros socioculturais, aos que se lle destinaran 19.878,39 euros.

Pilar Lueiro explicou que a estes proxectos, sumarase a solicitude dunha achega por un importe de 587.434,12 euros para financiar os gastos correntes para o mantemento e conservación de vías públicas do rural de titularidade municipal no ano. Ademais, tamén se aprobou o Plan complementario para este ano, no que se inclúen unha serie de investimentos financieramente sostibles por una suma total de 486.162,35 euros.

En total, o Concello solicitará a achegas provinciais por unha suma de 1.678.831,62 euros.

Proxecto da rúa das Rodas

Pola súa banda, a voceira municipal, Míriam Louzao, deu conta doutro dos proxectos aprobados esta mañá polo Goberno municipal, unha actuación na rúa das Rodas para mellorar a accesibilidade peonil á Galiña Azul de San Roque. Segundo explicou Míriam Louzao, con esta intervención o Concello responde “ás reiteradas solicitudes de mellora da accesibilidade e calmado de tráfico no acceso á escola infantil nesta rúa, recibidas nos últimos anos”, e que na actualidade “carece dun paso peonil próximo, o que obriga a realizar un gran percorrido xunto cos menores para poder acceder de forma segura ás instalación”.

A actuación, que conta cun orzamento de 66.209,99 euros e un prazo de execución de tres meses, consistirá na construción dun paso elevado de pavimentación continua “que iguale as cotas e garanta o cruzamento desde a beirarrúa oposta ao punto de entrada da escola coas condicións de seguridade oportunas”, explicou a voceira, así como da “instalación da rede de pluviais, cun soterramento da nova recollida de augas baixo o novo paso, ademais da mellora do mobiliario urbano na entrada da escola infantil e colocación de árbores.”

Con esta intervención, o Concello pretende incrementar o número de familias que acoden a diario camiñando ao colexio, fomentando os desprazamento máis sostibles, minimizar os riscos e a inseguridade nos accesos escolares, recuperar o espazo público para o peón, e integrar no contexto diario as normas e os valores sobre educación viaria para axudar a cambiar as actitudes e hábitos nesta materia.

Outros asuntos

Tamén se aprobaron esta mañá as bases reguladoras das Distincións Santiago Deporte 2024, cuxo obxectivo é o de recoñecer o labor de deportistas, entidades, centros educativos e empresas que, ao longo da tempada anterior, destacaron pola súa contribución ao desenvolvemento do deporte no Concello de Santiago. A entrega de galardóns ás persoas e entidades escollidas terá lugar nunha gala que se desenvolverá o vindeiro 24 de marzo.

Deja un comentario