Tuesday 04 de February de 2025

O PP de Culleredo denuncia a falta de investimento en saneamento para o rural.


∙ Os populares esixen “que se actúe dunha vez por todas, o rural merece respostas e solucións xa”.

∙ A líder popular, Izaskun García, sentenza: “o alcalde Rioboo vive de promesas incumpridas mentres Celas, Sésamo, Sueiro e Castelo seguen esperando”.

O Partido Popular de Culleredo denuncia a falta de compromiso e a opacidade do goberno municipal respecto a os proxectos de saneamento de varias parroquias do rural como Celas, Sésamo, Sueiro e Castelo.
“O Plan de Obras e Servizos da Deputación (POS) deste ano inclúe unicamente unha actuación en Boedo, cando desde o Partido Popular e desde as asociacións veciñais levamos anos reclamando a rede de saneamento en gran parte do rural”, critica a portavoz popular, Izaskun García.” A escusa do goberno é que non existían máis proxectos redactados e que non hai tempo para preparalos antes do 7 de febreiro. Inaceptable”.

Esta explicación contradi o reflectido no anexo de investimentos do 2023 “onde si se contemplaba unha partida para a rede de saneamento de ata 7 parroquias: Celas, Sésamo, Sueiro, Castelo, Boedo, Rutis e O Burgo, cunha partida orzamentaria de 350.000€”, especifica García.

No último pleno a líder popular interpelou directamente ao alcalde, José Ramón Rioboo, “se existían ou non eses proxectos. Se os poñían nese anexo por poñer, como xa fixo en moitas ocasións. A súa resposta foi un claro exemplo da súa absoluta falta de xestión e control sobre o que pasa en Culleredo: non soubo contestar con claridade e limitouse a dicir que tería que consultalo”.

Desde o Partido Popular insisten en esixir “que o Concello atenda dunha vez por todas as históricas demandas dos veciños do rural. Que deixe de poñer escusas e de ignorar ás parroquias do rural, as grandes esquecidas por parte deste alcalde. Culleredo non pode seguir esperando. O rural merece dignidade, investimentos e un goberno que saiba xestionar.”, conclúe
Izaskun García.

Deja un comentario