Tuesday 04 de February de 2025

Paderne vivirá o seu día grande de Entroido o luns 3 de marzo cunha festa no Telleiro para pequenos e maiores


 A programación comezará ás 17:30 horas coas actividades infantís

 A partir das 20:30 horas continúa a festa coa actuación de Aixa Romay e o concurso de disfraces, con premios tamén para os mellores disfraces infantís

O Concello de Paderne repite a fórmula de éxito do ano pasado no seu Entroido 2025. O municipio padernés mantén o luns de Entroido como o seu día grande e celebrará o 3 de marzo a súa gran festa, na carpa da Praza do Telleiro.

Serán unha tarde e unha noite cunha ampla programación para todas as idades. Ás 17:30 horas arrincará a festa infantil con obradoiros, inchables, concurso con premios e mesa infantil. Deste xeito, os pequenos e pequenas do municipio e os seus arredores poderán gozar de diferentes actividades nas que lucir as súas espectaculares aparencias.

Xa ás 20:30 horas, a festa continúa coa actuación de Aixa Romay, nunha faixa máis enfocada cara os adultos pero na que tamén poderán estar presentes os nenos e as nenas. De feito, será nese treito cando os e as asistentes poidan desfrutar dunha merenda e do concurso de disfraces.
Como novidade, este ano haberá premios económicos para as mellores vestimentas tamén na categoría infantil e aos grupos de adultos. Ambas as dúas categorías súmanse á individual de adultos.

O Concello anima a todos e todas, veciñanza e visitantes, a gozar dunha fantástica tarde de Entroido no Telleiro chea de disfraces, música e moita festa nun municipio cunha ampla tradición nesta festividade.

Deja un comentario