Secundino García, en representación do Concello, e Juan Manuel García “Cobelo” por parte do CV Aldebarán San Sadurniño, asinaron na tarde do venres o convenio de colaboración anual entre ambas entidades, que implica unha subvención nominativa de 30.000 euros co obxectivo de soster as escolas de volei e promover a práctica deste deporte no municipio. Segundo o acordo, que fará efectiva a achega económica nestes días, o Aldebarán tamén adquire o compromiso coa promoción da igualdade e co apoio ao Concello nas actividades que este organice relacionadas co deporte e os hábitos de vida saudables.
Tal e como recolle o texto da subvención nominativa, o Aldebarán “leva desenvolvendo dende a súa creación un labor de adestramento, integración e participación da mocidade, contando na actualidade coa participación de moitos rapaces e rapazas practicando este deporte en diferentes categorías deportivas, especialmente nas idades máis novas, o cal incide na proxección e na mellora da imaxe do municipio”.
O Concello pretende por medio do convenio “afianzar o desenvolvemento da actividade deportiva con proxección de futuro”, contando para iso coa experiencia e capacidade organizativa do club local en todas as actividades relacionadas coa promoción e difusión “por todo o territorio galego, e incluso estatal” dun deporte considerado minoritario.
O acordo encoméndalle ao club a xestión das escolas municipais da disciplina durante 9 meses e, por outra banda, concédelle ao club acceso preferente -que non exclusivo- ás instalacións do pavillón municipal para adestrar e para os encontros que xoguen os seus equipos. Tamén lle ofrece a posibilidade de xestionar a publicidade estática ou móbil das instalacións, como xeito de colaborar co sostemento financieiro da entidade.
Alén da levanza das escolas, o CV Aldebarán San Sadurniño comprométese a colaborar co consistorio na organización e realización de xornadas deportivas, a implicarse nas campañas de promoción da igualdade e prevención da violencia de xénero e a mostrar a marca da imaxe visual do Concello en toda a cartelaría, folletos e publicidade en xeral editada con ocasión do desenvolvemento de actos deportivos. Igualmente, a escuadra de Superliga 2 tamén deberá lucir na equipación o logotipo do Xeoparque Cabo Ortegal.
A sinatura, que tivo lugar na sala de xuntas do Concello, fíxose en presenza do concelleiro de Deportes, Manel Martínez, quen destacou “o papel fundamental para a promoción do deporte” que desenvolve o Aldebarán “en San Sadurniño e no resto da comarca”. Martínez apuntou a este respecto que o club local “conta cunha grande base en San Sadurniño e ten proxectos noutros municipios, co obxectivo de seguir ampliando a práctica do volei e a deportiva en xeral entre a rapazada”.
O edil lembrou, por último, que o Concello tamén subscribirá proximamente o convenio nominativo coa Escola de Fútbol Irmandiños, cofinanciada por San Sadurniño, Moeche, As Somozas e Cerdido.
O convenio económico asinado co Aldebarán ten carácter prepagable, de maneira que nestes días o club recibirá a contía consignada: 30.000 euros. O club terá ata o 30 de novembro para presentar as facturas e a correspondente memoria xustificativa do destino dos fondos municipais.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.