A mostra, cedida pola Universidade de Vigo, está integrada por 12 paneis que conteñen información de mulleres cun destacado papel na conquista do espazo
O 21 de xullo de 1969 o primeiro ser humano puxo un pé na lúa, un fito que marcou un antes e un despois na historia da navegación espacial. Os nomes dos tripulantes do Apolo XI quedarían para a posteridade. Con todo, detrás desta proeza da que se conmemoraron os cincuenta anos en xullo de 2019, atópase o traballo dun equipo de persoas que tiña un único soño: alcanzar a Lúa.
Coñeces algunhas das mulleres que nos levaron á Lúa? Poida que non, porque o cinema e a literatura sempre se centrou na figura dos astronautas e tampouco aparecen nos libros de texto. Nesta exposición mostrámosvos algunhas das mulleres (Annie Easley, Rita Rapp, Frances Northcutt…) claves no éxito da misión do Apolo XI e na posterior conquista do espazo. Sen ese equipo de persoas que estudaron, calcularon e comprobaron unha e outra vez que todo funcionase á perfección, hoxe non estariamos a falar da próxima misión á Lúa ou da conquista de Marte.
Estas mulleres, que permaneceron invisibilizadas durante moito tempo, deben saír á luz para servir de modelos ás novas xeracións, xa que non se pode querer ser o que non se coñece.
Esta exposición está formada por 12 pósteres, tipo roll up, sobre mulleres cun destacado papel na conquista do espazo. De cada protagonista, a exposición recolle información da súa vida, de cales foron as súas achegas e dos recoñecementos que recibiu tanto en vida como posteriormente. A través dos roll up, o público pode coñecer a aquelas mulleres que desde a sombra axudaron a que a humanidade puxese un pé na lúa e este pensando na próxima viaxe a Marte.
Achégate ao mercado municipal ata o xoves 13 de febreiro e percórreo a través da historia destas 12 mulleres, que se suman ás protagonistas das actividades que celebramos arredor do Día da Muller e a Nena na Ciencia. Atoparás os paneis distribuídos entre os postos de venda.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.