Tuesday 04 de February de 2025

Rematan as obras de mellora na praza de Cormelana, onde o Concello substituíu as superficies de madeira por un novo firme de pedra que reforza a seguridade peonil


A intervención, executada ao longo da última quincena deste mes de xaneiro, foi semellante á executada na praza de Santa Catalina o ano pasado

O Concello completou esta semana os traballos de mellora previstos na praza da Cormelana, onde nas últimas semanas acometeuse a substitución das tarimas de madeira existentes en diversos puntos da praza para cambialas por un novo firme de lousas de pedra, máis adecuado en termos de conservación e resistencia fronte ás inclemencias meteorolóxicas.

Esta medida é semellante á executada na praza de Santa Catalina o ano pasado, onde tamén se retiraron as antigas superficies de madeira, máis sensibles ao deterioro ante a choiva e a humidade, e se dispuxeron lousas de granito gris. Desta forma, o Goberno de Inés Rey deu resposta a unha solicitude da veciñanza que redundou nunha mellora da seguridade das persoas transeúntes, apostando por materiais que evitan posibles esvaramentos.
“Esta liña de traballo foi a que seguimos tamén na praza da Cormelana, xa que a problemática era moi parecida á que había na praza de Santa Catalina en termos de seguridade peonil”, explicou a concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz.

A intervención, que recibiu o visto bo da Comisión PEPRI antes de finais de ano, programouse a mediados de xaneiro para facilitar o desenvolvemento das actividades do sector hostaleiro da contorna no contexto das festas de Nadal, por ser datas de máis afluencia.

Deja un comentario