A Coruña contará este ano, ademais, cos espectáculos internacionais de ‘Chicago’ e ‘Carmina Burana’
O Teatro Colón da Coruña contará neste mes de febreiro con sete pases do musical ‘Priscilla, la reina del desierto’. Este espectáculo, promovido por SOM Produce co apoio do Concello, representarase entre o xoves 13 e o domingo 16 e as últimas entradas están á venda a través de Ataquilla e no despacho de billetes da praza de Ourense. En caso de quedar butacas libres, os días das funcións tamén se habilitará a billeteira do propio teatro.
Este musical está baseado na película gañadora dun Oscar e xa pasou por 135 cidades e 30 países diferentes, acumulando máis de 7 millóns de espectadores. Trátase dunha produción con 40 artistas e máis de 500 traxes, 200 tocados e unha premiada banda sonora.
Narra as aventuras de tres artistas drag que atravesan o deserto australiano a bordo do autobús que dá nome ao musical, nunha viaxe en busca de amor e amizade e no que terminan atopando máis do que xamais poderían soñar. A súa excelente banda sonora conta con grandes éxitos da música disco e composicións de artistas da talla de Tina Turner e Madonna.
No 30 aniversario da estrea da película e celebrando os 18 anos da premiere mundial do musical en Sydney, ‘Priscilla, la reina del desierto’ regresa cunha nova produción. “O Goberno de Inés Rey está comprometido coa consolidación da Coruña como o gran referente cultural do noroeste, apostando por unha variada oferta cultural e musical”, indicou Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo.
‘Priscilla, la reina del desierto’ será o primeiro dos grandes musicais que pasarán pola cidade este 2025. Entre o 6 e 9 de marzo haberá sete funcións de ‘Chicago’, tamén no Teatro Colón, mentres que do 9 ao 11 de maio representarase no Palacio da Ópera ‘Carmina Burana’, de La Fura dels Baus.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.