Sunday 02 de February de 2025

A Xunta destaca a posta en marcha de dúas novas Casas do Maior en Fisterra, que suman des prazas de atención diúrna gratuíta 


Estes dous novos recursos reforzan aínda máis a rede de casas do maior que supera as 140 nas catro provincias galegas

O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, recalcou hoxe a decidida aposta da Xunta de Galicia por un sistema de coidados próximo e centrado nas persoas. Díxoo durante a súa visita ás dúas novas casas do maior que entran en servizo en Fisterra e que suman dez prazas públicas de atención diúrna gratuíta.

Coa apertura destes dou novos recursos, nos que hoxe se celebrou unha xornada de portas abertas para dálos a coñecer entre a veciñanza, refórzase aínda máis a rede de casas do maior que existen na nosa comunidade e que supera xa as 140. O Goberno galego destina este ano máis de cinco millóns de euros a seguir impulsando estes equipamentos pioneiros que permiten atender aos maiores na súa contorna e fixar poboación no rural.

O director xeral destacou que, ademais da atención socio-sanitaria que prestan, as casas do maior son fundamentais para facilitar a conciliación da familias e para fomentar un envellecemento activo e saudable.

Neste sentido, explicou que estes recursos ofrecen atención diúrna de luns a venres un máximo de oito horas e durante once meses ao ano en grupos reducidos de ata cinco usuarios, o que favorece un ambiente familiar. Os coidados prestados comprenden a manutención, a hixiene e o desenvolvemento de actividades de lecer e cognitivas.

Deja un comentario