Sunday 02 de February de 2025

Centos de persoas participaron no Aquarium Finisterrae na Feira de Ciencia Isabel Zendal 


O Concello colaborou coa Universidade da Coruña na organización desta iniciativa que chega á súa sétima edición. Profesorado e alumnado da UDC atenderon, ao longo da xornada, catorce talleres divulgativos sobre ciencia 

A concelleira Noemí Díaz, visitou esta mañá o Aquarium Finisterrae, onde se desenvolveu a sétima edición da Feira de Ciencia Isabel Zendal, unha iniciativa impulsada pola Universidade da Coruña (UDC) coa colaboración do Concello, e na que profesorado e alumnado da UDC atenderon, ao longo da xornada, catorce talleres divulgativos sobre ciencia polos que pasaron centos de persoas. 

Díaz puxo en valor esta cita, “fundamental para achegar a cultura científica á cidadanía a escala interxeracional, contribuíndo tamén a visibilizar o traballo e investigacións que desenvolven as e os profesionais da nosa universidade”. Co gallo da feira, o Concello apostou por levar a cabo unha xornada de portas abertas ao Aquarium Finisterrae, con acceso gratuíto previa reserva de entrada. “Actividades como as de hoxe, que atraen a públicos de todas as idades, terán un impacto positivo en clave de futuro para a rede de Museos Científicos Coruñeses e tamén a UDC”, expuxo a concelleira. 

Entre as particularidades da xornada, as persoas que desenvolveron as actividades estiveron caracterizadas como as e os protagonistas da Real Expedición Filantrópica da Vacina, da que toma nome esta feira. Isabel Zendal e Francisco de Balmis, que partiron do porto da Coruña o 30 de novembro de 1803, foron interpretados por Ana González Tizón e Andrés Martínez Lage, mentres que as alumnas e alumnos foron os nenos vacuníferos. 

Noemí Díaz recalcou a importancia de lembrar o fito que supuxo a Real Expedición Filantrópica da Vacina, “algo histórico polo impacto que tivo a escala mundial para a erradicación da varíola”. A concelleira destacou especialmente a figura de Zendal, “que quebrou teitos de cristal da época, embarcando nunha viaxe transatlántica nomeada oficialmente como enfermeira, cobrando o mesmo que os homes”, tamén “o valor dos nenos orfos que se embarcaron na expedición”.

A feira, organizada por UDCiencia d+i, un grupo de divulgación científica e innovación docente da Universidade da Coruña, en colaboración co Aquarium Finisterrae, incluíu catorce talleres divulgativos sobre algúns dos grupos animais máis característicos que se poden ver no acuario coruñés, como peixes, polbos, quenllas e cangrexos, ademais doutros temas sobre saúde e bioloxía.

Deja un comentario