Sunday 02 de February de 2025

Camariñas acollerá o primeiro evento de cultura ‘friki’ da Costa da Morte


● A iniciativa ‘Ponte Friki’, organizada pola Asociación PonteDisfraz en colaboración co Concello, terá lugar o 22 e o 23 de marzo no polideportivo da Ponte do Porto.

● Haberá diferentes zonas: de venta de produtos, de videoxogos, obradoiros, de escenario, de actividades de ocio…

O Concello de Camariñas e a Asociación PonteDisfraz organizan ‘Ponte Friki’, o primeiro evento de cultura ‘friki’ da Costa da Morte, que terá lugar o 22 e o 23 de marzo no polideportivo da Ponte do Porto.

A alcaldesa, Sandra Insua, acompañada da presidenta da asociación, Cristina Blanco, e doutros membros desta entidade, presentaron hoxe, sábado 1 de febreiro, no centro cultural da Ponte do Porto o evento e debullaron as principais liñas da programación.

‘Ponte Friki’ aglutinará, nun mesmo evento, actividades relacionadas coa cultura ‘friki’, xaponesa, gaming (videoxogos), cosplay (difraces de personaxes de series, películas, anime, manga ou videoxogos), debuxo, artesáns…

Dentro do pavillón habilitaranse espazos onde realizar diferentes actividades: stands onde os artistas e artesáns venderán os seus produtos; unha zona onde xogar a videoxogos (haberá un apartado de xogos indie, creados por xente nova que está comezando desde cero e que se poderán probar para darlles suxerencias); obradoiros (para aprender a crear o teu sable de luz de Star Wars, creación de pezas con Lego, escribir o teu nome en xaponés, creación dun terrario Pokeball…); un escenario onde se desenvolverán charlas de diversos temas (VTubers, psicoloxía no anime, itinerario para viaxar a Xapón, concurso de Cosplay, Kpop…); e diversas actividades de ocio (paintball, Escape Room, xogo de rol a gran escala, xogos de mesa, duelos de sables de luz…).

Ademais, está prevista para o sábado 22 de marzo ás 21 horas a celebración da festa ‘PartyFriki’, na que se porá un código de vestimenta moi fácil de cumprir: só haberá que ir con calquera complemento ou roupa que se considere ‘friki’. Por exemplo, poderán entrar persoas que leven as gafas de Harry Potter e a súa bufanda. Haberá un concerto do grupo Freak Gzm, un grupo dedicado a cancións de temática ‘friki’ con repertorio galego. A entrada é gratuíta.

Os prezos das entradas para ‘Ponte Friki’ son de 3 euros por un día e de 5 euros para os dous días. Por outra banda, habilitaranse buses con ida e volta desde A Coruña e Santiago e o pack de transporte e entrada será de 20 euros.

Sandra Insua animou “aos veciños e veciñas de Camariñas e de toda a Costa da Morte a que se acheguen a botar un vistazo aínda que nunca estivesen interesados neste tipo de cultura porque estou segura de que lles vai a parecer entretido e interesante”.

Pola súa parte, Cristina Blanco explicou que “é unha oportunidade única para os amantes da cultura ‘friki’ xa que este tipo de eventos nunca se realizou pola zona, o que queda máis cerca sería o Expotaku da Coruña”.

Deja un comentario