Sunday 02 de February de 2025

Preto de 1.000 alumnos e docentes amosarán o músculo das ensinanzas artísticas, de idiomas e deportivas na terceira edición da feira InnovArt


— Celebrarase o 6 e 7 de febreiro no Gaiás e ofrecerá máis de 300 actividades para exhibir o potencial académico e ofrecer asesoramento ao alumnado

— Trátase do maior evento en Galicia de promoción e difusión desta oferta educativa

— Estará aberto á visita de centros educativos de toda Galicia e ao público en xeral

Preto de 1.000 persoas, entre alumnos e docentes, procedentes de 25 centros de ensino amosarán o potencial académico das ensinanzas artísticas, de idiomas e deportivas que oferta a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP na terceira edición da feira InnovArt, que abre o vindeiro xoves as súas portas no Gaiás.
Trátase do maior evento en Galicia de promoción e difusión destas ensinanzas e facilita que o alumnado de diferentes niveis educativos se familiaricen e tomen contacto cos eidos da arte dramática, as artes plásticas e deseño, a conservación e restauración de bens culturais, a danza, as ensinanzas deportivas, os idiomas e a música.
A feira, cuxo programa pode consultarse no Portal Educativo, ofrecerá máis de 300 actividades entre obradoiros interactivos, exposicións, actuacións de danza e teatro, concertos e actividades deportivas, que se desenvolverán na vintena de espazos dispostos na feira. Ademais, os estudantes e docentes das ensinanzas artísticas, de idiomas e deportivas ofrecerán asesoramento sobre elas aos alumnos que se acheguen desde centros educativos de toda Galicia para visitar a feira.
Ademais de para os centros escolares galegos, o evento estará aberto con entrada gratuíta para o público en xeral. A feira celebrarase no Museo da Cidade da Cultura de Galicia o xoves 6 de febreiro (de 10 a 14 horas e de 16 a 19 horas) e o venres 7 (de 10 a 14 horas) e contará zona de 4.100 m², distribuída nos andares -1 e 0.
Representación da actividade dos centros
InnovArt ten como obxectivo fomentar entre o alumnado as ensinanzas artísticas, de idiomas e deportivas que se ofrecen en Galicia con mostras de material orixinal a través de actividades expositivas, conferencias e obradoiros nos que o alumnado terá unha participación máis interactiva. Así mesmo, celebraranse concertos de música e actuacións da danza e teatro nos dous escenarios especialmente preparados para a ocasión.

No ámbito das ensinanzas artísticas representarán parte da súa actividade a Escola Superior de Arte Dramática de Galicia en Vigo, as catro escolas de arte e superiores de deseño (Pablo Picasso da Coruña, Ramón Falcón de Lugo, Antonio Faílde de Ourense e Mestre Mateo de Santiago de Compostela), a Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia de Pontevedra e o Conservatorio Profesional de Danza de Lugo.

Tamén estarán presentes os sete conservatorios profesionais de música (da Coruña, de Ferrol, de Lugo, de Ourense, de Pontevedra, de Santiago de Compostela e de Vigo) e os dous conservatorios superiores de música, sitos nas cidade herculina e da oliveira.

A feira tamén contará coa participación das escolas oficiais de idiomas de Lugo, Santiago de Compostela, Pontevedra e Vigo. No campo das ensinanzas deportivas, participarán nesta cita cinco centros con ensinanzas deportivas da Consellería de Educación, en concreto os institutos IES Sánchez Cantón (Pontevedra) e IES Río Cabe (Monforte), así como os centros integrados de FP CIFP Universidade Laboral (Culleredo), CIFP A Farixa (Ourense) e CIFP Fontecarmoa (Vilagarcía de Arousa).

Deja un comentario