O Concello iniciou esta semana os traballos previstos na rúa, onde a remodelación non afectará, en ningún caso, ao carril de tráfico rodado que sae do túnel da praza de Lugo en dirección á praza de Pontevedra
Ademais da renovación do pavimento das beirarrúas, que serán semellantes ás das rúas Picavia e Compostela, tamén se acometerá a elevación dos pasos peonís existentes a un lado e a outro da rúa
O Concello puxo en marcha esta semana os traballos de reurbanización da rúa Paio Gómez, unha intervención coa que o Goberno de Inés Rey lle dá continuidade ao plan de melloras previsto no barrio do Ensanche, con intervencións xa executadas previamente nas rúas Betanzos e Compostela.
O caso de Paio Gómez, que conecta directamente coa praza de Pontevedra, é particular, xa que conta actualmente con dous carrís de circulación no mesmo sentido, ambos en dirección á praza. Un deles é en superficie, mentres que o outro sae do túnel da praza de Lugo. Tal e como informou o Concello a inicios de decembro cando se lle deu o visto e prace ao proxecto, manterase operativo este último carril e suprimirase o que vai en superficie, co obxectivo de ampliar as beirarrúas e mellorar a súa accesibilidade na marxe dos impares, onde tamén se creará un parterre con arboredo e máis mobiliario urbano.
A concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, lembrou que o mantemento do carril que baixa polo túnel da praza de Lugo é indispensable para garantir o traballo diario das e dos profesionais do mercado municipal Eusebio da Guarda, tamén para facilitar o desenvolvemento das tarefas de carga e descarga de mercadorías nos baixos da instalación.
Ademais da renovación dos pavimentos, elevaranse os pasos peonís
As medidas previstas polo Concello na rúa Paio Gómez abranguen, ademais, a renovación do pavimento das beirarrúas. Ao igual que xa se fixo en rúas próximas como Picavia ou Compostela, disporanse novas lousas de granito gris en troques das actuais baldosas. Os informes técnicos dos servizos municipais apuntan á necesidade desta medida pola deterioración e erosión experimentados por estes materiais ao longo do tempo.
Noemí Díaz apuntou que, a maiores da ampliación e renovación das beirarrúas, o Concello tamén acometerá medidas para o calmado do tráfico en ambos os lados de Paio Gómez. Desta forma, elevaranse os pasos peonís existentes tanto no acceso á praza de Pontevedra como no cruzamento coa praza de Lugo e Fonseca.
“Pola súa identidade comercial, tanto a praza de Lugo como as rúas da súa contorna están expostas a diario a un intenso tránsito peonil. Estudar os fluxos de mobilidade é fundamental á hora de acometer melloras tanto nunha rúa específica como nos barrios en xeral, e, no caso do Ensanche e máis concretamente a praza de Lugo, polo paso constante de peoas e peóns, visibilizalos e reforzar a seguridade viaria é clave”, razoou.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.