Sunday 02 de February de 2025

A elaboración da Axenda Urbana permite a Carballo optar a axudas europeas por 15 millóns de euros


Os proxectos que presentará o Concello, froito dun proceso de participación social, daranse a coñecer o mércores 5 ao movemento asociativo

O Ministerio de Facenda publicou no BOE do 30 de decembro de 2024 a convocatoria de axudas do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) destinadas a entidades locais para o período 2021-2027 co obxectivo de promover o seu desenvolvemento sustentable desde unha tripla perspectiva: ambiental, económica e social. Carballo optará a estas axudas.

Acceder a financiamento europeo leva consigo unha serie de requisitos que o noso concello cumpre. En primeiro lugar, as entidades locais deben contar cunha Estratexia de Desenvolvemento Integrado Local (EDIL) que identifique os principais desafíos a medio prazo desde diferentes perspectivas: sociais, económicas, ambientais, demográficas… e que conte coa participación e a implicación dos actores locais.

O seguinte paso é a presentación dun Plan de Actuación Integrado (PAI), que incluirá o programa de implantación dos proxectos a executar, o seu enfoque integrado, o detalle orzamentario e os resultados previstos. Na convocatoria establécense máis de corenta ámbitos de intervención (dixitalización, dinamización económica local, eficiencia enerxética, mobilidade urbana sustentable, inclusión social….) e un prazo máximo para executar os proxectos: o ano 2029.

Carballo optará a estas axudas grazas á elaboración previa da Axenda Urbana, que recolle o noso compromiso cun concello máis sostible, inclusivo e resiliente, aliñándonos cos obxectivos da Axenda Urbana Española e Europea. A Axenda Urbana de Carballo aborda os desafíos urbanos e ambientais a través dun enfoque integrado e colaborativo que involucra administracións, sociedade civil, sector privado e comunidade académica. Entre os seus obxectivos destacan a mellora da mobilidade sostible, a eficiencia enerxética, a conservación dos espazos naturais e o desenvolvemento económico equitativo, seguindo marcos estratéxicos que promoven cohesión territorial e calidade de vida.

A Axenda Urbana de Carballo foi elaborada a partir das necesidades e demandas identificadas grazas ao proceso de participación pública, no que recibimos as achegas dos diferentes grupos políticos, técnicos de diferentes áreas e tecido asociativo. Con todas elas foi posible elaborar unha estratexia e un plan de acción con sete grandes obxectivos e 15 liñas de actuación que suman 55 accións. Boa parte destas actuacións identificadas como transformadoras concrétanse no documento do PAI que se presentará ás axudas e suman preto de 15 millóns de euros.

Coa finalidade de amosar o resultado de todo este proceso de participación pública que permitiu chegar ata este punto, o Concello de Carballo celebrará a vindeira semana varias sesións informativas. O movemento asociativo está convocado para o mércores 5 pola tarde no Fórum.

Deja un comentario