Monday 24 de February de 2025

O concello transformará Servizos Múltiples nun Eedificio interxeracional enfocado a persoas de todas as idades


O inmoble albergará novos espazos e equipamentos, e será enerxeticamente eficiente.

O Instituto para la Transición Justa vén de facer pública a proposta de resolución provisional da convocatoria de axudas dirixidas a proxectos e infraestruturas ambientais, sociais e dixitais no marco do Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia a financiar cos fondos europeos Next Generation.

O proxecto presentado polo Concello da Laracha que vai dirixido a transformar o Edificio de Servizos Múltiples nun Edificio Interxeracional é unha das 19 iniciativas mellor valoradas -dúas delas galegas- entre as presentadas por municipios de toda España, o que permitiu acceder a esta liña de achegas. O orzamento é de 1.382.311,45 euros.

A iniciativa pretende converter a edificación situada na Avenida López Astray da Laracha nunha instalación moderna que sexa multifuncional, inclusiva e atractiva para persoas de todas as idades mediante unha intervención arquitectónica e social enfocada a crear espazos nos que poidan convivir cidadáns de xeracións distintas (nenos, mozos, adultos e persoas maiores) para fomentar a interacción, o apoio mutuo e o sentido de comunidade.

O inmoble consta de soto, planta baixa e tres plantas. O proxecto prevé unha redistribución dos espazos para optimizalos, incrementar as superficies e favorecer a accesibilidade para persoas que presenten dificultades físicas ou cognitivas. As principais novidades serán crear novas aulas dixitais nas que ofrecer á cidadanía novas oportunidades formativas e de ocio e espazos dirixidos especificamente a acoller actividades xuvenís de diversa índole.

Gran parte do investimento irá dirixido a medidas relacionadas coa eficiencia enerxética, tales como a renovación da envolvente e dos sistemas de calefacción e ventilación. O edificio tamén será dotado cun sistema de captación de enerxía solar fotovoltaica para o autoconsumo eléctrico.

O Concello valora a futura creación do Edificio Interxeracional como unha iniciativa de alto valor e relevancia desde os puntos de vista social e urbanístico, xa que polo seu emprazamento céntrico e características, o novo equipamento público beneficiará ao conxunto da cidadanía ao xerar un impacto positivo no benestar e desenvolvemento de persoas de todas as idades.