Monday 24 de February de 2025

A Filmoteca de Galicia inicia en febreiro unha completa retrospectiva sobre Pere Portabella


— A cinemateca da Xunta afondará nas súas facetas de director e produtor como anticipo da celebración oficial do centenario do cineasta catalán

— A Sala José Sellier acolle o día 11 un encontro con Mar Coll a propósito da exhibición da súa película ‘Salve María’ no ciclo ‘Close-Up’

— Raúl Alaejos presenta o docuensaio ‘Objeto de estudio’ e Oskar Alegria as súas longametraxes ‘Zumiriki’ e ‘Zinzindurrunkarratz’

A Filmoteca de Galicia inicia a programación impulsada pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude en febreiro cunha completa retrospectiva sobre o produtor, guionista e director Pere Portabella, protagonista da nova carteleira mensual na que tamén destacan as visitas de cineastas como Mar Coll, Oskar Alegria e Raúl Alaejos. Durante as vindeiras semanas, a cinemateca da Xunta exhibirá todas as películas dirixidas polo cineasta catalán, do que no mes de marzo se ofrecerá tamén un amplo percorrido polos seus traballos como produtor.

Recentemente distinguido coa Medalla de Ouro ao Mérito nas Belas Artes, este ciclo preséntase como un anticipo da celebración oficial do Centenario Portabella, que veñen de anunciar o Ministerio de Cultura e a Generalitat de Cataluña para o seu desenvolvemento conxunto nos anos 2026 e 2027. Ao longo de todo o mes, poderán verse na Sala José Sellier da Coruña No compteu amb els dits e Nocturno 29 (días 4 e 6), Suite Miró e Suite Santos (día 7), Vampir-Cuadecuc (días 13 e 15), Umbracle (día 14), Informe general (día 18), El sopar (día 19), Pont de Varsovia (día 20), Mudanza e El silencio antes de Bach (días 21 e 25) e Informe general II: El nuevo rapto de Europa (día 28).

Sesión Off Galicia con Alberte Pagán
A programación de febreiro arranca mañá sábado cunha nova entrega da sección Off Galicia, que desta volta trae unha escolma de curtametraxes seleccionada e presentada polo cineasta Alberte Pagán. Con entrada de balde, a partir das 18,00 horas proxectaranse as pezas Memoria, de Nerea Barros; Man of Aral, de Helena Gouveia, e Arde Aral, do propio Pagán.

Na Filmoteca de Galicia, continúa ademais o ciclo Terence Fisher/Christopher Lee: Drácula e outros monstros, que reúne unha serie de producións dirixidas por Fisher con Lee como protagonista. Este último aparece tamén nas películas Vampir-Cuadecuc e Umbracle, de Pere Portabella, que completan a proxección de Drácula, príncipe de las tinieblas os días 13 e 14. Previamente, o luns 4 haberá un novo pase de El perro de los Baskerville, mentres que os días 5 e 6 se exhibe Las dos caras del Dr. Jeckyll. O programa finaliza con La gorgona (días 19 e 20) e La novia del diablo (días 21 e 22).

Máis visitas na Filmoteca
No marco do ciclo Close-Up: Cine e perspectiva de xénero, o martes 11 de febreiro terá lugar un encontro coa directora catalá Mar Coll para presentar o filme Salve María, mención especial no festival de Locarno e co que a pasada semana logrou o galardón á mellor película dramática nos Premios Feroz celebrados en Pontevedra. A fita terá un segundo pase o mércores 12, día no que tamén se proxectará a longa Saint Omer: el pueblo contra Laurence Coly, na que Alice Diop reflexiona sobre o tema da maternidade igual que acontece en Salve María.

Ademais, a Sala José Sellier recibirá as visitas do leonés Raúl Alaejos co seu ensaio fílmico Objeto de estudio o martes 18 e do documentalista navarro Oskar Alegria, quen o día 26 presentará Zumiriki e o día 27 participará nun coloquio coa programadora galega Andrea Franco a propósito de Zinzindurrunkarratz, finalista dos Feroz na categoría Arrebato.

Payal Kapadia
A finais de mes chegarán á cinemateca galega as dúas longametraxes da cineasta india Payal Kapadia: o documental Una noche sin saber nada (días 25 e 26) e a ficción La luz que imaginamos (días 27 e 28). Esta última, aínda en carteleira, é un dos grandes éxitos do cine independente de 2024, recoñecida co Gran Premio Especial do Xurado en Cannes e como mellor película do ano en enquisas de medios como o británico Sight & Sound ou o norteamericano Film Comment.

En febreiro volven tamén outras das seccións habituais da Filmoteca, todas elas con entrada de balde. É o caso de Materiais para una historia do cine en Galicia, dentro da que o xoves 6 Enrique Banet regresa á Sala José Sellier para exhibir os seus documentais Os romeiros do alén e A malla, rodados en 1985. Ao día seguinte a Filmoteca Vasca trae a restauración de Carboneros de Navarra (1981) e Tasio (1984), de Montxo Armendáriz, dentro da seción as Filmotecas presentan. Ademais, o sábado 8 o público máis novo ten unha cita con Filmoteca Jr. e a película Fritzi. Un cuento revolucionario, de Matthias Bruhn e Ralf Kukula.