Monday 24 de February de 2025

A alcaldesa traslada o agradecemento da cidadanía aos 42 traballadores municipais xubilados o pasado 2024


Inés Rey: “Este recoñecemento é unha homenaxe á dedicación, ao esforzo e á paixón que puxestes cada día de servizo”

A alcaldesa, Inés Rey, presidiu esta mañá o acto de homenaxe aos 42 traballadores e traballadoras municipais que se se xubilaron o pasado ano 2024. “Este recoñecemento non é só unha homenaxe ao traballo realizado, senón á dedicación, ao esforzo e á paixón que puxestes en cada día de servizo”, sinalou.

Rey, acompañada por membros do Goberno local e da corporación, trasladoulle o agradecemento do Concello e da cidadanía en xeral polos anos de servizo nas diferentes áreas e definiu ao conxunto de traballadores e traballadoras municipais como unha ferramenta esencial para levar a cabo as políticas de progreso proxectadas polo Goberno. “A administración non é un ente abstracto, senón que é un equipo profesional con centos de traballadores e traballadoras con vocación de servizo que cada día facedes que esta cidade siga avanzando” explicou a alcaldesa.

A homenaxe tivo lugar no Salón de Sesións do Palacio Municipal de María Pita, onde ademais da alcaldesa tamén falaron Matilde Lorenzo Carregal e Antonio Pedraz Pollo, Tom, como representantes das persoas xubiladas no 2024. A rexedora fíxolles entrega dun agasallo a todas as persoas asistentes en nome do Concello da Coruña. Antes, na praza de María Pita, a Banda Municipal de Música quixo render homenaxe a Miguel de Souto, que deixou a formación no pasado 2024. A BMMC interpretou diferentes cancións ante todas as persoas homenaxeadas.