Sunday 23 de February de 2025

Os Orzamentos Municipais 2025 reforzan o apoio ao tecido social, cultural e deportivo da cidade, con 8,6 millóns de euros, 1,2 máis que o ano pasado


A Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá o proxecto correspondente ás contas deste ano, que irá o luns a comisión informativa e, xa o vindeiro xoves, debatirase no pleno ordinario

A alcaldesa, Inés Rey, presidiu esta mañá a Xunta de Goberno Local na que se deu luz verde ao proxecto dos Orzamentos Municipais deste ano 2025, contas que, como informou a rexedora este xoves, ascenden a 379 millóns de euros, catro máis que no exercicio anterior.
Rey recalcou que o foco dos orzamentos está posto especialmente na atención ás necesidades e demandas dos dez distritos censuais da cidade. Por ese motivo, “porase en marcha un Plan de Barrios dotado con 53,7 millóns e unhas partidas de investimentos que, entre investimentos reais e transferencias, chegan aos 71 millóns”.

A alcaldesa tamén precisou o incremento nos Orzamentos Municipais permitirá reforzar o apoio do Concello ao tecido social, deportivo e cultural da cidade, a través dos convenios nominativos, que suben a 8,6 millóns —1,2 máis que o ano pasado—.

Máis fondos para os consorcios de Música e Turismo, tamén para o IMCE

Na rolda de prensa desta mañá, Rey precisou que as contas deste ano 2025 suben ata os 410 millóns se se atende ao conxuntos de organismos municipais, con incrementos significativos das partidas en tres eidos.

O primeiro, nas aportacións ao Consorcio para a Promoción da Música, que pasará de 3,55 millóns de euros en achegas do Concello a un total de 4,6 millóns, un máis. “Isto inclúe as achegas tanto para a Orquestra Sinfónica de Galicia (OSG) como para a Escola Municipal de Música. Son incrementos significativos que nos permitirán, por exemplo, dar un pulo de calidade aunha OSG que forma parte do noso patrimonio cultural e é un referente a nivel nacional”, apuntou a alcaldesa.

Ademais, sube tamén a aportación do Concello ao Instituto Municipal Coruña Espectáculos (IMCE) co obxectivo de buscar un reforzo significativo da programación cultural. Os fondos pasan este ano de 6 millóns a un total de 7,5.

En paralelo, tamén se verán incrementados os fondos para o Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña, que disporá de 3,7 millóns, 200.000 euros máis que o ano pasado.
“Os orzamentos son unha ferramenta esencial e útil para a cidade, que nos permite mellorar os servizos municipais e a calidade urbana en todos e cada un dos nosos barrios”, recalcou hoxe a rexedora, que desgranou os seguintes pasos en materia administrativa para dar luz verde ás contas: o luns, os orzamentos irán a comisión e, xa o vindeiro xoves, serán debatidos no pleno municipal ordinario.

Os barrios, eixo central dos orzamentos municipais

Inés Rey recalcou hoxe a importancia vital que terán os barrios da cidade no abano de investimentos previstos polo Goberno municipal de cara a este ano. Como xa informou a alcaldesa este xoves, este ano porase en marcha unha nova rede de Oficinas de Atención Cidadá que axudará a catalizar as consultas e demandas da veciñanza atendéndoas desde os propios barrios, sen necesidade de desprazarse a María Pita, o Ágora ou o Fórum Metropolitano.

A creación desta rede, que contará cun investimento específico de 800.000 euros, axudará a dar resposta ás necesidades de cada distrito, tanto a curto como medio e longo prazo. A rexedora lembrou, iso si, que hai demandas que xa contan con partidas concretas nas contas deste ano. Por exemplo, fondos para acometer a construción do centro de saúde, o centro cívico e o mercado de Santa Lucía (3,8 millóns); a creación das bibliotecas de Novo Mesoiro (1,5 millóns) e Palavea (700.000 euros); a reforma integral do parque de Santa Margarida (1 millón); a rehabilitación da bágoa de San Roque (600.000 euros); a reforma urbana da praza de Pontevedra (450.000 euros); e a ampliación e mellora do parque Europa (300.000 euros).

A isto súmanse outros 11,1 millóns en concepto de melloras e humanización de espazos públicos da cidade. Haberá, ademais, outros 6 millóns para renovar, ampliar ou construír novos equipamentos deportivos nos barrios, unha medida que xa está a dar os seus froitos co inicio das obras da nova pista multideporte dos Rosales, que arrincou días atrás e terá réplica este ano coa creación de infraestruturas do mesmo tipo na Silva e na Urbanización Breogán.

A renovación e construción de novos equipamentos tamén tocará de preto os parques infantís. Ata 2030, o Concello prevé destinar un total de oito millóns de euros co obxectivo de que todas as familias da cidade teñan unha instalación deste tipo a menos de dez minutos dos seus fogares. Este plan aparella, ademais, unha novidade destacada: a construción de dous novos parques infantís cubertos.
Por outra banda, os orzamentos aprobados hoxe en Xunta de Goberno Local contemplan tamén a posta en marcha do Plan de Árbores Urbanas, unha iniciativa medioambiental a cinco anos vista que este ano contará cunha partida específica de 600.000 euros, orientada á plantación de máis arboredo. Esta medida complementa o millón de euros reservado, especificamente, a impulsar a creación de novos pulmóns verdes como o parque de Monte Martelo e acometer a segunda fase do bosque de Breogán.

Fondos para acometer melloras na Domus, o Fórum e o Teatro Rosalía

Os investimentos previstos polo Concello de cara a este ano inclúen 4 millóns de euros para adecuar a futura sede da AESIA, a Terraza de Méndez Núñez, que funcionará desde o vindeiro mes na Casa Veeduría como emprazamento transitorio.

Ademais, consígnanse 4,9 millóns para acondicionar as dependencias municipais na fábrica de Tabacos e outros 1,5 millóns para a redacción do proxecto de remodelación do estadio municipal de Riazor.
A isto sumaranse outros 3,5 millóns que permitirán renovar as instalacións das bibliotecas municipais e os centros cívicos, así como outros 3 millóns reservados para acometer melloras en recintos culturais e científicos da cidade, como a Domus, o Fórum Metropolitano e o Teatro Rosalía de Castro.