
O Concello financiará con ata 20.000 euros cada celebración que promovan as asociacións veciñais
O Concello da Coruña abre este venres o prazo de presentación de proxectos para a celebracións das Festas nos Barrios para o presente 2025. Esta iniciativa forma parte das novas achegas impulsadas polo Goberno de Inés Rey ás que as entidades veciñais poderán concorrer este ano, cun máximo de 20.000 euros por asociación e celebración. A inversión total prevista polo Concello elévase a 500.000 euros, ademais do apoio loxístico que preste o propio consistorio ás entidades.
As bases de dita convocatoria de axudas, que permitirá unha maior participación das entidades e unha mellor transparencia da organización das festas, foron publicadas este venres no BOP e na Base de Datos Nacional de Subvencións. “O único requisito que lles pedimos ás entidades, tal e como lles informamos nas últimas semanas, é a entrega dun proxecto e unha memoria das súas celebracións, documentos que xa viñan presentando ata o de agora. Con este novo proceso, ademais, aumentamos o investimento nestas festas tan arraigadas na nosa cidade”, indicou o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro.
Poderán optar a estas axudas as asociacións veciñais sen ánimo de lucro con sede na Coruña e que formen parte do Rexistro Municipal de Asociacións da Coruña (REMAC). O prazo de presentación de solicitudes é de 15 días naturais a partir deste sábado 1 de febreiro.
Por outra banda, desde a Concellaría de Cultura e Turismo e o IMCE habilitouse unha oficina de asesoramento e xestión das subvencións para festas nos barrios co obxectivo de que as entidades sexan acompañadas durante este proceso para presentar os seus proxectos por persoal experto neste tipo de solicitudes.