Friday 22 de November de 2024

Medio Ambiente investirá máis de 730.000 euros na mellora do abastecemento de Oza-Cesuras


A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, mantivo unha xuntanza co alcalde do concello, Pablo González

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato Otero, investirá máis de 730.000 euros na mellora do abastecemento do concello de Oza-Cesuras. Así llo confirmou a titular deste departamento autonómico ao alcalde da localidade, Pablo González, durante unha xuntanza de traballo.

O servizo municipal do abastecemento do Concello de Oza-Cesuras está composto por dous sistemas independentes e subsidiarios da conca do río Mendo que abastecen respectivamente aos antigos concellos de Oza dos Ríos e Cesuras, actualmente fusionados.
Aínda que o abastecemento á zona comprendida polo antigo concello de Oza dos Ríos é máis moderna, non ocorre o mesmo coa área de Cesuras que presenta, ás veces, anomalías, en tanto é unha rede máis antiga.

Para solucionar esta situación, as obras comprometidas pola Xunta pretenden mellorar as instalacións na captación, na ETAP e depósito de Cesuras, así como executar unha conexión de reforzo dende a ETAP de Oza.

En concreto, en Cesuras prevense, entre outras, as seguintes actuacións: unha nova captación e reforma da ETAP; a substitución da calderería por unha nova en aceiro inoxidable; e a rehabilitación da edificación que albergará todos os equipos novos. Pola súa banda, en Oza dos Ríos construirase un depósito novo de cabeceira na ETAP, e executarase un bombeo de auga bruta entre esta ETAP e a de Cesuras.

Actualmente, estase rematando a redacción do proxecto, que aínda ten que pasar pola supervisión técnica.