
Neda volverá ser neste 2025 a localidade de menos de 20.000 habitantes da provincia que máis horas de axuda no fogar presta a veciños e veciñas que aínda non contan coa valoración de dependencia. O goberno local mantén a súa aposta por este recurso socioasistencial, que resulta fundamental para axudar aos maiores a que poidan permanecer nos seus domicilios.
Segundo consta na resolución provisional do Programa provincial de financiamento dos servizos sociais comunitarios municipais, o Concello contará coa colaboración económica da Deputación da Coruña para prestar 13.200 horas de atención, a través do SAF de libre concorrencia. Unha cifra á que só se aproximan Ares, con 13.000 horas; Malpica, con 12.796, e As Pontes, con 10.300, ofrecendo o 77 % menos da metade.
A administración local recibirá 184.800 euros (14 euros/hora) para cofinanciar o servizo que se ofrece a veciños e veciñas con problemas de autonomía persoal que non teñen aínda recoñecida a situación de dependencia ou que, aínda téndoa, non teñen recoñecido o dereito de acceso efectivo ao servizo. No 2024 foron 65 as unidades familiares que contaron co esta prestación ao marxe do sistema de dependencia.
En paralelo, a Deputación da Coruña colaborará con parte dos gastos de persoal do departamento municipal de Servizos Sociais. Así, destinaranse 18.000 euros a salarios de persoal administrativo e 11.000 euros a persoal técnico. A achega provincia suma en total 213.800 euros.