
Durante o encontro os membros da Alianza abordaron as políticas para levar a cabo neste 2025, as actividades programadas ou a relación co Ministerio de Cultura e con outras institucións
O concelleiro de Cultura e Turismo e presidente do Consorcio de Turismo da Coruña, Gonzalo Castro, sinalou onteen Aranxuez a súa intención de potenciar a Alianza de Paisaxes e Sitios Afíns do Patrimonio Mundial, da que forma parte a Torre de Hércules e a súa contorna, a través de varias accións que axuden a visibilizar estes importantes recursos turísticos nacionais.
“O Goberno de Inés Rey está a levar a cabo un importante labor de promoción e posta en valor da nosa Torre de Hércules, que o pasado ano celebrou o 15 aniversario da súa declaración como Patrimonio da Humanidade con diferentes actos”, indicou Castro. Na última Asemblea da Alianza, que tivo lugar en outubro de 2024 en Risco Caído (Gran Canaria), acordouse manter o primeiro encontro político para desenvolver programas que fortalecesen estes sitios do Patrimonio Mundial.
Durante a reunión, os membros da Alianza abordaron as políticas para levar a cabo neste 2025, as actividades programadas ou a relación co Ministerio de Cultura e con outras institucións entre outras cuestións de interese do grupo. Este primeiro encontro en Aranxuez estivo presidido polo presidente da Alianza e do Consell de Mallorca, Lloreç Galmés e o conseller de Presidencia, Toni Fuster.
O próximo 22 de abril celebrarase na Alhambra a elección para a nova Xunta Directiva, tal e como xa acordara a Asemblea, e nas mesmas datas terá lugar a reunión europea de entidades do Patrimonio Mundial que promoveu a Alianza co Ministerio, ICCROM, Centro de PM da UNESCO e outras entidades. Neste sentido, tamén se acordou a participación da Alianza cun “site event” propio no foro internacional de ministros de cultura (Mondiacult), que este ano terá sede en Barcelona. E, a participación cun espazo propio na caseta deTourespaña nas feiras de turismo, da mesma forma que teñen as Cidades Patrimonio. Os asistentes tiveron a oportunidade de visitar o Palacio Real de Aranxuez así como os Xardíns Históricos do Xardín con céspede e flores e da Illa.