Saturday 01 de February de 2025

O humor retranqueiro de Manuel Ángel Méndez Bellón volta a Fene


A sala de exposicións temporais do Museo do Humor Xaquín Marín acolle a partir do vindeiro luns a mostra “Olladas en ferro”, do escultor Manuel Ángel Méndez Bellón. Ao redor de 30 pezas, realizadas en ferro moldeado e soldado (chapas, tubos, varillas), combinado en ocasións con outros materiais, compoñen esta colección que se basea “en observacións, reflexións e ideas da vida que se me pasan pola cabeza e que mesturan humor, ironía e, como bon galego, moita retranca”. A exposición do artista naronés poderá visitarse do luns 3 ao venres 28 de febrero, en horario: de luns a venres, de 10 a 13 horas e de 16 a 21 horas, e os sábados, de 10 a 13 horas.

Nado en Narón aínda que afincado en San Sadurniño,, Manuel Ángel Méndez Bellón realiza desde o ano 1992 esculturas en ferro, aceiro e varios tipos de soldadura (electrodo, óxido-acetilénica, Mig). Coa súa obra pretende “espertar sorrisos con algo aparentemente tan serio coma o ferro e con situacións disparatadas e surrealistas que, en realidade, son máis comúns do que pensamos…e por iso nos fan gracia. Malia todo, apunta o escultor, tras esa primeira impresión cómica e irónica que adoitan espertar as pezas, “procuro que se aprecie o traballo constante e serio que cada unha delas ten detrás”.

Ao longo da súa traxectoria, Manuel Ángel Méndez Bellón ten acadado distintos galardóns coma o 1º premio na categoría de escultura no XV certame de arte “Galería Burela”, de Lugo, ou un accésit no Certame Galego de Artes Plásticas Xuventude 2003. Ademais, unha das súas obras foi adquirida pola Deputación da Coruña no marco do Certame de artesanía Antonio Fraguas 2018.

Amais de participar en numerosas mostras colectivas, o escultor naronés ten realizado mostras individuais en Ferrol, Cerdido, Narón, Cedeira, Cangas e Fene (sendo esta a terceira vez que expón no Museo do Humor Xaquín Marín).

Deja un comentario