A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, achegouse esta mañá até San Sadurniño para visitar as obras financiadas nas dúas últimas anualidades con cargo ao Plan Marco de mellora de camiños municipais. A través deste programa, o noso Concello beneficiouse de 156.000 euros en axudas cofinanciadas con fondos autonómicos, estatais e europeos que se destinaron á reparación de pistas Naraío, Igrexafeita e San Sadurniño. A delegada autonómica aproveitou a visita para anunciar que o programa, denominado agora “Plan Camiña Rural”, prevé nas anualidades 2025-2026 máis dun millón de euros en axudas para os 18 municipios das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal. Pola súa banda, Secundino García aproveitou a visita de Aneiros para solicitarlle o compromiso autonómico coa reparación “urxente” da cuberta do patio traseiro do CPI, ademais de lembrar a “demanda reiterada” de que se mellore a envolvente de todo o centro educativo e de que se habilite un novo paso peonil na ponte sobre a estrada de Ortigueira.
Tal e como comenta a concelleira de Participación veciñal, Raquel López, a petición de melloras no CPI volveu poñerse enriba da mesa do Consello Escolar celebrado onte mesmo. “O edificio ten máis de cincuenta anos e nel, durante todos estes anos, só se fixeron traballos de conservación, pero non o proxecto de posta ao día que necesita. Fai falla cambiar a cuberta de fibrocemento, mellorar a envolvente, cambiar as fiestras por outras que conserven mellor a calor e axuden a aforrar enerxía. E tamén fai falla unha reparación urxente da cuberta do patio cuberto”, enumera a concelleira.
“O ensino é unha competencia autonómica, pero a Xunta descarga nos Concellos o mantemento dos centros educativos. Pequenos traballos de conservación ou reparacións, aínda sendo unha competencia impropia, é algo que podemos asumir desde o Concello. Porén, do que falamos aquí é dunha obra de envergadura e moi necesaria que tería que asumir a Consellaría de Educación. Falámosllo á delegada tanto hoxe como en encontros anteriores que tivemos con ela. O compromiso é que llo vai trasladar a Educación”, engade Secundino García Casal.
O alcalde tamén comentou con Martina Aneiros outra “demanda reiterada” do Concello, relacionada neste caso coa accesibilidade da ponte de Cornide. O que se pide desde hai anos é que a Xunta faga máis ancho o paso peonil -agora é imposible o paso cunha cadeira de rodas- e que se repare a pasarela de madeira, dado que se trata dunha zona “moi transitada” por viandantes como parte dos itinerarios circulares que se fan polo paseo fluvial. Ademais, a ponte é para a veciñanza de Cornide o principal punto para cruzar o Xubia a pé. “Fai falla darlle máis ancho á beirarrúa da ponte e fai falla tamén que a Xunta asuma os custes de mantemento da pasarela, que xa amañamos en varias ocasións con recursos do Concello”, insiste Secundino García Casal recordando que “a Xunta leva anos ao tanto do problema e aínda non lle deu solución”.
86.000 euros de axuda do novo Plan Camiña Rural
A delegada territorial visitou San Sadurniño para ver o resultado das dúas últimas anualidades do Plan Marco de camiños municipais. Un programa autonómico cofinanciado por Europa e o Estado que achega fondos para a mellora de camiños que dean acceso a predios e explotacións agropecuarias.
Neste sentido, San Sadurniño levou a cabo con cargo a este programa o aglomerado entre o cruzamento da Grúa e A Abelleira e a reparación con asfalto desde este último núcleo de Naraío até Racamonde. Por outra banda, na anualidade 2024 tamén se acometeu o aglomerado a pista que vai desde a Pena da Meda até o Cando, en Igrexafeita, que incluiu o acceso ao Couce, ademais de arranxar os camiños de Rupiallo e a Coruxa, en San Sadurniño.
De cara ao 2025-2026 (os proxectos poden levarse a cabo en calquera das dúas anualidades), o Concello disporá dunha axuda de 86.229€ do agora chamado “Plan Camiña Rural”. A Administración local está definindo a pista ou pistas onde se vai facer o investimento, que deberá reflectirse nun proxecto por valor de 104.333,09 euros, dado que o IVE deberá ser asumido polo Concello.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.