Tamén se elevou a definitiva a aprobación da modificación da ordenanza municipal reguladora da corta e transporte da madeira de tala.
No primeiro Pleno ordinario deste ano 2025 celebrado hoxe acordouse por unanimidade definir o destino dos fondos do Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (Plan Único de Concellos) POS+2025. O Concello percibirá 1.265.833,27 euros, dos cales 986.172,43 euros (correspondentes á parte dos orzamentos de 2025 e a achega de 2024 dese programa) serán para o financiamento de gasto corrente, 176.627,90 euros (POS+ Adicional 03/2025) á amortización do préstamo concedido en 2015 pola Deputación dentro do programa PAI e 103.032,94 euros (POS+ Adicional 01/2025) a gastos sociais extraordinarios, o que xa se aprobara na anterior sesión plenaria. Na de hoxe tamén se acordou que o POS+ Adicional 02/2025, que ten natureza de reserva e a súa finalidade é poder investir os créditos resultantes no caso de que se acordase unha maior achega para o POS+ ao longo deste curso, se destine á mellora da estrada de Cabovilaño que comunica O Regado con Arén ata a altura do cruce do Cancelo e á da estrada de Coiro que vai da DP-1913 ata a escola do Rapadoiro, cun orzamento total de 136.000 euros.
O alcalde, José Manuel López Varela, apuntou que “o gasto corrente está asfixiando economicamente aos Concellos”, polo que se felicitou por poder destinar a maior parte dos fondos do POS+ 2025 a ese apartado -no que se inclúen, entre outros servizos, a limpeza, o ciclo integral da auga ou a recollida de lixo- porque iso permite “liberar fondos municipais e axilizar a tramitación doutras actuacións recorrendo ao remanente”.
A Corporación municipal repetiu a unanimidade na aprobación do IV Plan estratéxico de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes para o período 2025-2028, un texto que actualiza e adapta á realidade, normativas e necesidades actuais o Plan que está agora en vigor. Recolle 15 obxectivos claros e 67 medidas de accións concretas que abranguen desde a promoción da igualdade no ámbito educativo, cultural e laboral ata a incorporación da perspectiva de xénero na planificación urbana e na calidade de vida no municipio.
Tamén houbo acordo dos tres grupos municipais na aprobación do convenio co Concello de Arteixo para a execución conxunta da obra que permitirá mellorar a estrada e crear a rede de saneamento no núcleo da Esquipa, que é limítrofe entre ambos municipios, pertencendo a parte larachesa á parroquia de Lendo. O proxecto está valorado nun total de 510.000 euros e será subvencionado nun 50 % pola Xunta de Galicia a través do Fondo de Cooperación Local para investimentos de carácter estratéxico da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes. Dado que o 75 % das obras afectan ao termo municipal de Arteixo, tamén se distribuirán os custes a asumir polos Concellos nesas mesmas proporcións, polo que á Laracha lle corresponderá achegar 63.436,75 euros. A licitación do proxecto e o procedemento de contratación das obras será a cargo do Concello da Arteixo.
Co voto a favor do grupo de Goberno, a abstención do BNG e o voto en contra do PSOE foi elevada a definitiva a aprobación da modificación da ordenanza municipal reguladora da corta, depósito, carga e transporte de madeira de tala tras desestimar as alegacións presentadas. A nova normativa establece que no momento de iniciar o expediente de solicitude da tala as empresas deberán presentar unha reportaxe fotográfica do estado das pistas para poder comprobar posteriormente o alcance das deterioracións causadas. E incorpora dúas modalidades de fianzas diferentes, incrementando en todo caso as contías, que ascenden a 4.000 euros para a realización dun único traballo e a 15.000 euros a fianza xenérica para a realización de traballos de forma indefinida.
Por último, no Pleno foron aprobadas dúas mocións, unha mostrando o apoio á declaración de 2025 como “Ano Castelao” en conmemoración do 75 aniversario do seu falecemento e, a outra, acordando instar ao Goberno de España a permitir a prórroga do destino do superávit de 2024 para as entidades locais no ano 2025.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.