Tal e como xa reclamara Alternativa dos Veciños en anteriores ocasións, a concelleira de Alternativa en Arteixo, Noelia Martínez Canosa, volveu demandarlle ao Goberno Municipal o inicio dos trámites para a construción dunha nova residencia de maiores, para que así se poida dar solución á existente e importante demanda de prazas no municipio.
Alternativa dos Veciños solicitou en reiteradas ocasións nesta lexislatura e na anterior o inicio dos tramites para poñer en marcha a construción dunha nova residencia de maiores no municipio. “O equipo de Goberno, seguindo na súa liña, sempre tirou balóns fóra, mirou para outro lado e culpabilizou a outras administracións da escaseza de prazas en residencias para maiores no noso concello. Claro, eles como equipo de Goberno nunca son responsables nin teñen responsabilidade de nada. É algo incrible o do Goberno Municipal do Partido Popular en Arteixo” explica Noelia Martínez.
“Agora, como resposta a presión veciñal -a cal agradezo enormemente o seu compromiso e o seu labor en defensa do interese xeral da veciñanza arteixá-, resulta que solicítanlle a construción a administración provincial e poñen a disposición da Deputación unha parcela municipal que, segundo o Goberno Municipal, reune todas as características para levar a cabo a construción dunha residencia de maiores. É dicir, existía unha parcela municipal onde se podía desenvolver unha nova residencia pero non moveron un só dedo ata agora. Nin tan sequera o fixeron cando no seu momento lles solicitei que o edificio do Balneario -adquirido e doado ao concello pola Fundación Amancio Ortega- fose reconvertido nunha residencia de maiores, xa que para o noso entender e parecer era a localización e o espazo idóneo”, dixo.
Alternativa dos Veciños desexa que se leva a cabo a construción dunha nova residencia de maiores en Arteixo, sexa con financiación doutras administracións ou con recursos municipais. Por sorte o Concello de Arteixo conta cos medios técnicos e cos recursos económicos necesarios para poder asumir a construción dunha residencia, e é por iso, que se non se leva a cabo, é como consecuencia da negativa do actual equipo de Goberno.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.