Presentará esta reclamación no Parlamento apoiada por máis de 400 sinaturas
O BNG insta á Xunta a que convoque axudas para que os Concellos poidan cubrir os custos da xestión en tanto planifica a asunción das súas competencias
O BNG anunciou a presentación dunha iniciativa no Parlamento Galego para reclamar á Xunta de Galiza que asuma a xestión e o custo do conservatorio municipal de Culleredo, por ser unha competencia da administración galega que está asumindo o Concello con recursos municipais.
O portavoz Municipal do BNG Tono Chouciño, acompañado da deputada e portavoz de Educación no Parlamento Galego, Cristina Fernández, informou que a iniciativa será presentada co apoio de máis de 400 sinaturas de familias usuarias do Conservatorio, así como de veciñanza que apoia esta reivindicación.
“A formación que se presta no Conservatorio é fundamental para moitas familias”, sinalou o portavoz municipal, que lamentou que “mentres o Concello asume os custos deste servizo que lle corresponde á Xunta, conta con menos recursos para atender os servizos municipais e as necesidades da veciñanza”.
A deputada Cristina Fernández incidiu nos “prexuízos que causa para os concellos este abandono do goberno do PP na Xunta”. A parlamentaria nacionalista declarou que “os Conservatorios de música municipais representan na actualidade unha carga económica importante para os Concellos que os asumen e ademais supoñen un problema para a súa xestión e unha discriminación para o alumnado e o profesorado, ao non contar cos mesmos recursos que os Conservatorios que xestiona a Xunta”.
Así mesmo, o Bloque insta á Xunta a que, en tanto planifica a asunción das súas competencias, convoque axudas para que os Concellos poidan cubrir os custos da súa xestión, colabore na substitución ou cobertura de prazas vacantes ou que proporcione as ferramentas informáticas que se precisen.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.