Thursday 30 de January de 2025

Rueda destaca o papel dos empresarios e autónomos galegos á hora de consolidar Galicia coma unha terra competitiva e innovadora 


 Agradécelles a súa contribución para que a comunidade pechase 2024 con bos datos de exportacións, o paro en mínimos históricos e a cifra de ocupados máis alta dos últimos 15 anos

 Salienta as medidas da Xunta para reducir e axilizar trámites coma a Oficina Económica de Galicia ou unir nunha única orde todas as axudas para autónomos

 O Goberno autonómico destina este ano 32 M€ a promover o emprendemento

 A Xunta ultima o Plan estratéxico do comercio 2025-2023 que se prevé estea rematado no primeiro trimestre

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe o papel do tecido produtivo galego á hora de consolidar Galicia coma unha terra competitiva e innovadora e lembrou que son os empresarios, autónomos e emprendedores os que “xeran riqueza e emprego de calidade” nun territorio.

Durante a inauguración do Club Cámara Noroeste na Coruña, á que tamén asistiron a conselleira de Economía e Industria, Mª Jesús Lorenzana, e o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, Rueda lembrou os bos datos económicos cos que pechou Galicia o 2024 e agradeceu ao tecido empresarial a súa contribución para acadalos.

Nesta liña, lembrou que Galicia rematou 2024 co paro en mínimos históricos, a cifra de ocupados máis alta dos últimos 15 anos (máis de 1,1 millóns) e sendo a segunda comunidade con maior confianza empresarial. Ademais, logo de bater récord de exportacións no 2023, os datos apuntan que o 2024 volverá a ser un bo ano xa que o volume de exportacións ata novembro alcanzou a cifra de 28.517 millóns de euros, un 3,1% máis respecto ao mesmo período do ano anterior.

Rueda salientou o compromiso da Xunta con dinamizar a economía e apoiar a quen quere investir na comunidade. Resaltou a estabilidade política e económica que ofrece Galicia, o que permite dar seguridade e confianza ao tecido empresarial.

Ademais, resaltou a posta en marcha doutras medidas para simplificar e reducir a burocracia -coma a Oficina Económica de Galicia ou unificando nunha única orde todas as axudas das autónomos-; facilitar a formación á carta para que as empresas cubran as vacantes dispoñibles; fomentar o comercio a través do Bono Activa Comercio e o futuro Plan estratéxico do comercio 2025-2030 -que se espera estea rematado no primeiro trimestre- ou promover o emprendemento a través de diferentes programas que contan cun orzamento de 32 millóns de euros.

Premio á Empresa Excelente
O presidente da Xunta agradeceu á Cámara de Comercio da Coruña a posta en marcha do novo Club Cámara Noroeste que busca ser un punto de encontro para reforzar as relacións económicas e comerciais entre profesionais do noroeste peninsular.

Por último, Rueda resaltou o labor do presidente de Gadisa, Roberto Tojeiro -galardoado co I Premio Cámara de Comercio á Empresa Excelente- á hora de facer medrar unha empresa familiar e converter o feito de ser galegos nunha sinal de identidade da compañía.

Deja un comentario