Thursday 30 de January de 2025

O Concello de Brión homenaxea a Xosé Vizoso, veciño do municipio a quen se dedica este ano o Día da Ilustración


A biblioteca municipal organiza unha exposición de carteis que ilustran a evolución deste artista plástico e agasalla aos visitantes cun marcador de páxinas dedicado a Rosalía de Castro e deseñado por Xosé Vizoso

O Concello de Brión súmase á conmemoración mañá xoves 30 de xaneiro do Día da Ilustración, unha efeméride impulsada pola Asociación Galega de Profesionais da Ilustración en colaboración coa Xunta de Galicia na que cada ano se homenaxea a unha destacada figura da ilustración na comunidade. Un recoñecemento que este ano recae nun veciño de Brión: Xosé Vizoso (Mondoñedo, 1950), sendo a primeira vez na que esta homenaxe se fai a unha persoa en vida.

Por iso, o Concello de Brión ten organizado un programa de actividades para homenaxear a este destacado ceramista e ilustrador, que inclúen unha exposición, o agasallo dun marcapáxinas e un espectáculo de narración oral con música e ilustración en vivo. A concelleira de Cultura, Sandy Cebral, salienta que “Vizoso é unha persoa á que lle temos un gran cariño e respecto en Brión, como amosa o feito de que cada vez que se empadroa alguén no municipio, se lle agasalla unha lámina del. Vizoso é unha persoa especialmente implicada na vida sociocultural de Brión, ben deseñando bustos como o de Vidal Bolaño ou o trofeo do Premio Laudamuco, ben ilustrando libros como Brión en fotos ou colaborando en actividades como os Encontros coa Arte ou deseñando cada ano o cartel da Romaría de Santa Minia que, como dixo Neira Vilas, van moito máis aló dun anuncio, son pezas artísticas para contemplar con lecer. ”.

Así, a Biblioteca Municipal de Brión acolle unha mostra bibliográfica e de carteis que ilustran a evolución deste artista, responsable do deseño dos carteis da Romaría de Santa Minia nas últimas décadas. Nela están presentes os carteis deseñados por Xosé Vizoso para a Romaría de Santa Minia e moitos dos traballos que fixo para outros lugares, moitos deles integrantes da exposición “Carteis 1970-2014” organizada polo Concello de Brión en 2016.

A maiores, todas as persoas que se acheguen pola biblioteca a visitar a exposición poderán levar como agasallo un marcador de páxinas dedicado a Rosalía de Castro e que foi deseñado por Xosé Vizoso para conmemorar o Día de Rosalía.

Finalmente, o próximo venres 7 de febreiro, ás 18:00 horas, a sala municipal de exposicións de Brión acollerá o espectáculo “Homenaxe a Xosé Vizoso”, da man do colectivo “Polo Correo do Vento” no que será a culminación da súa xira por distintos municipios galegos como Santiago, Vigo, Pontevedra e Ribeira. Trátase dunha actividade de narración oral, con música e ilustración en vivo, para homenaxear a este destacado ceramista e ilustrador.

Unha actividade aberta a todos os públicos na que as persoas asistentes descubrirán a biografía de Vizoso, o seu legado artístico e as ligazóns que o unen a Brión. Simultaneamente, un ilustrador realizará un mural relacionado que ilustrará os contidos deste serán tan especial. A participación é totalmente gratuíta e as inscricións están abertas na web da biblioteca municipal de Brión: bibliotecadebrion.blogspot.com.

Xosé Vizoso (Mondoñedo, 1950) é un destacado profesional cunha longa traxectoria como deseñador e ceramista, ademais dunha importante produción como ilustrador. En 1968 recibiu o Premio Nacional de Escultura e na súa carreira profesional destacan os corenta anos como deseñador da cerámica de Sargadelos. A súa obra caracterízase por un estilo profundamente ligado á cultura e ás tradicións galegas.

Deja un comentario